Saturday 22 de February de 2025

Bergondo oferta nove cursos gratuítos para fomentar a inserción laboral


A inscrición abrirase o luns 24 de febreiro e pode facerse por teléfono no 981 791 252 ou a través dun formulario da web municipal

O obxectivo é dar continuidade ao traballo iniciado en anos pasados, reiterando aquelas actuacións formativas que tiveron éxito e propoñendo novidades

O Concello de Bergondo continúa apostando por mellorar a inserción laboral das súas veciñas e veciños e para iso lanza unha variada oferta de cursos gratuítos que levarán a cabo durante todo o ano.

O obxectivo principal é dar continuidade ao traballo iniciado en anos pasados, reiterando aquelas actuacións formativas que tiveron éxito e propoñendo novidades que veñen satisfacer peticións formuladas ao longo destes meses.

Seguindo estas premisas preséntanse un total de 9 cursos dalgunha das actividades máis demandadas Estes son: Manipulador/a de alimentos, Xestión de almacén, Deseño de páxinas web, Padeeira, Manexo de carretilla elevadora, Traballos en altura; Ofimática, Internet e correo electrónico; Trámites en liña coas administracións públicas; e Prevención de riscos laborais.

A inscrición abre o luns 24 de febreiro e pódese facer por teléfono no 981 791 252 Ext.4 ou de forma en liña a través do formulario https://docs.google.com/forms/d/1c2xMmDmBkxmXvw8vTJRsZ-hStjM08t-N_GzgEPC-5yk/edit. Lémbrase que a programación pode sufrir variacións ao longo do ano debido a novas suxestións por parte dos usuarios ou a que non se alcanza o número mínimo de rexistrados.

Sobre os criterios de selección, terán preferencia aquelas persoas empadroadas no Concello de Bergondo, primeiro aquelas en procura de emprego e despois os/as que estean a traballar ou noutras situacións. A continuación terán prioridade as persoas desempregadas que non estean empadroadas en Bergondo e, finalmente, as persoas en activo ou outras situacións procedentes doutros municipios. Dentro de cada un destes grupos seguirase a orde cronolóxica de inscrición.

Deja un comentario