
Ambas administracións avaliaron hoxe as condicións segundo as que o persoal de Costas pasará a formar parte da Administración autonómica
A Xunta e Demarcación de Costas comprometéronse a colaborar para axilizar o traspaso dos medios persoais e materiais precisos para que Galicia poida exercer as súas competencias sobre o litoral, tal e como se acordou na reunión que mantiveron hoxe a secretaria xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, e a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, co xefe territorial do organismo estatal na Comunidade, Carlos Gil.
Durante o encontro, os representantes de ambas administracións avanzaron no desenvolvemento do acordo de traspaso co obxectivo de que poida facerse efectivo á maior brevidade posible. De feito, na reunión de hoxe, entre outras cuestións, avaliáronse as condicións segundo as que o persoal de Costas pasará a formar parte da Administración autonómica.
Esta reunión supón un paso máis de cara a acadar o obxectivo de que o traspaso se poida concretar antes do 23 de abril, que é a data na que se cumpre un ano do aval do Tribunal Constitucional á Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga).
Nese senso, cómpre lembrar que o Goberno galego xa ven avanzando nesta cuestión. Así, no último trimestre de 2024 constituíuse a Comisión interdepartamental de coordinación da ordenación do litoral, á que lle compete a coordinación da elaboración das Directrices de Ordenación do Litoral (DOL) así como dos instrumentos que as desenvolverán, e avanzouse, a través do seu sometemento ao procedemento de consulta pública previa, na creación do Foro do litoral, como órgano de asesoramento.
Ademais, ata o vindeiro 31 de marzo está aberto o procedemento de consulta pública previa para recompilar achegas e suxestións da cidadanía, entidades e administracións en relación á elaboración e contido das DOL, que teñen como obxectivo a fixación dos criterios para xestionar as actividades humanas que se poden desenvolver, e as que non, na franxa costeira.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.