
Inés Rey presentou a programación das festas, que arrincan este sábado co concurso de música e letra presentado por David Amor
Os Maracos serán homenaxeados no Andar do Antroido e as Mulleres das Atochas no Xoves de Comadres
O desfile de carrozas e comparsas, os concursos do Martes de Antroido ou as festas e obradoiros nos centros cívicos completan a programación
A alcaldesa, Inés Rey, presentou este xoves a imaxe e a programación do Antroido da Coruña do 2025. A partir deste ano, tal e como explicou a rexedora, o cartel destas festas estará dedicado ao choqueiro ou choqueira do ano, que “ademais de formar parte do rueiro da cidade cunha placa na rúa de San Xosé quedará co recordo de ser a imaxe destas celebracións”. Neste 2025 o persoeiro distinguido será ‘A Paca’, personaxe á que da vida José Ángel Gago, que foi o encargado, xunto coa alcaldesa, de descubrir o cartel. Ao acto, celebrado en María Pita, tamén asistiron representantes das diferentes comparsas da cidade.
“Iniciamos así unha nova liña que esperemos que se converta en tradición, levando aos choqueiros e choqueiras homenaxeados a protagonizar a imaxe do Antroido. Poñemos así en valor todo o traballo realizado polas comparsas para esta festa ao tempo que recoñecemos os rostros do Antroido”, expuxo Inés Rey. A alcaldesa destacou que ‘A Paca’ é xa parte da historia desta festa con tanta tradición na Coruña, na que “con moi pouco o pasamos ao grande”.
Natural de Santiago e de familia de Rianxo, José Ángel Gago (1972) comezou a disfrazarse e participar no antroido coruñés na súa etapa no instituto de Someso, onde gañou o terceiro premio co seu disfrace de asistenta. Gago disfrazouse sempre de personaxes femininas, como serea, policía, anxo, demo ou vixiante da praia, ata asentarse caracterizado como ‘A Paca’.
Inés Rey quixo agradecer durante o acto o traballo que fan durante todo o ano as diferentes comparsas da cidade. “Sen elas e sen a súa dedicación ano tras anos non sería posible que esta celebración fose unha das nosas señas de identidade”, indicou
O sábado arrinca a programación municipal
A alcaldesa tamén repasou durante a presentación do Antroido a programación municipal, que arrinca este sábado 22 de febreiro e remata o vindeiro mércores 5 de marzo. Este sábado, Palexco acollerá a partir das 18.00 horas o concurso de comparsas, na modalidade de música e letra, en Palexco. Os convites estarán dispoñibles este venres a partir das 11.00 horas no despacho de billetes da praza de Ourense e o propio sábado, en caso de quedar localidades dispoñibles, na propia billeteira de Palexco.
A gala será presentada por segundo ano consecutivo por David Amor. A comparsa gañadora actuará no acto de entronización do Deus Momo, do vindeiro venres 28 no Obelisco.
Por outra banda, o concurso de comparsas na modalidade de vestiario, coreografía, orixinalidade e carrozas será o sábado 1 de marzo a partir das 18.00 horas. En total, hai 27 comparsas e agrupacións inscritas nos diferentes concursos. O Concello repartirá entre este dous e os que se celebran o Martes de Antroido ata 50 premios, cun importe máximo de 20.000 euros.
A próxima semana terán lugar dúas homenaxes dentro da programación municipal do Antroido. A primeira será a que se fará ás Mulleres das Atochas o Xoves de Comadres, cun percorrido que partirá ás 20.00 horas da praza Coro Cantigas da Terra ata María Pita e no que se lembrará a figura destas mulleres anarquistas. Por outra banda, o venres 28 ás 13.00 horas celebrarase o acto de colocación dunha nova lousa no Andar do Antroido, na rúa da Torre. Nesta edición renderase homenaxe aos Maracos por ser a comparsa máis veterana. “Deste xeito, esta iniciativa que botou a andar, nunca mellor dito, no 2022, alternará entre grandes persoeiros do noso Antroido e as súas comparsas máis emblemáticas”, sinalou a alcaldesa.
O Antroido nos barrios
O Antroido coruñés vivirase tamén moi intensamente nos barrios, con celebracións pensadas para os máis pequenos nos centros cívicos, onde haberá obradoiros infantís e festas de disfraces os días 28 de febreiro, 1, 2 e 3 de marzo. Celebraranse en San Pedro de Visma, Novo Mesoiro, Cidade Vella, Palavea, San Diego, Santa Lucía, Feáns, Castro de Elviña, Monelos, Monte Alto, Os Rosales, Eirís, Labañou, Os Mallos, Artesáns, Pescadores, A Silva, Sagrada Familia, Novoboandanza e O Castrillón.
As persoas interesadas en asistir poderán informarse e inscribirse a partir deste venres 21 nos propios centros cívicos. Levaranse a cabo obradoiros de confección de máscaras e caretas, así como colares e sombreiros inspirados no entroido do Mardi Gras. Nas festas infantís haberá monitores/as que levarán a cabo xogos coas persoas participantes.
Ademais, tamén se celebrará un obradoiro de máscaras do castelo de San Antón, que será o sábado 1 e cuxas inscricións quedarán abertas desde hoxe ás 12.00 horas na seguinte ligazón. Haberá un total de 20 prazas para nenos e nenas de 6 a 12 anos de idade.
Martes de Antroido
Sen dúbida, o dia forte será o Martes de Antroido, coa programación concentrada no Campo da Leña e na Rúa da Torre, onde se celebrarán os tradicionais concursos de disfraces e choqueiros e choqueiras, tanto na modalidade infantil como para adultos. Nestes concursos, como sempre, as persoas interesadas poderán inscribirse de maneira presencial o propio martes. Haberá, ademais, unha actuación musical de Broken Peach ás 21.00 horas para pechar a xornada na rúa da Torre.
Haberá, por outra banda, puntos violeta con información ante posibles condutas machistas tanto o sábado 1 de marzo na contorna da rúa Real e da rúa Agar, en horario de 21.00 a 2.00 horas, e o martes 4 de marzo na rúa da Torre, á altura da Escola Municipal de Música, en horario de 19.30 a 0.00 horas. Haberá unha carpa fixa e tamén persoal itinerante.
Tamén o martes de Antroido ‘A Paca’ será protagonista coa colocación da súa placa de choqueira do ano na rúa de San Xosé, nun acto que se celebrará ás 13.30 horas. Como todos
os anos, o Antroido coruñés renderá homenaxe ás súas figuras máis importantes, como Nito, Cantero, Canzobre ou Palau. Tamén se celebrarán distintos concursos de filloas e orellas. De novo, o Circo de Artesáns será lugar onde se vele á sardiña, que o mércores 5 será levada en procesión ata San Amaro para poñer fin ás celebracións.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.