
LAXENTROIDO 2025 celebrarase do 1 ao 9 de marzo cunha ampla programación que inclúe desfiles, música, concursos e a tradicional queima de Don Caetano.
Laxe xa quenta motores para celebrar o LAXENTROIDO 2025, unha das festas máis esperadas do ano, cunha programación chea de actividades para todas as idades. Durante nove días, as rúas do municipio encheranse de cor, diversión e tradicións, cun programa que inclúe desfiles, concursos, festa con inchables, filloas e chocolate de balde, e a despedida de Don Caetano cun velorio cómico e a súa queima pirotécnica silenciosa.
O sábado 1 de marzo, a festa comezará cun gran Desfile de Entroido e de Comparsas, ás 17:30 horas, inaugurado por Don Caetano e amenizado pola Charanga Santa Compaña e Pulpíño Viascón. A partir das 18:30, o Pavillón Polideportivo converterase no epicentro da festa, con inchables, baile, photocall, música en directo e degustación gratuíta de filloas e chocolate. Ademais, celebrarase o IV Certame Participativo de Entroidos, no que se repartirán premios de ata 250€ para as mellores comparsas.
O venres 7 de marzo, terá lugar o Velorio de Don Caetano, unha das tradicións máis emblemáticas do Entroido laxeiro, que se celebrará ás 12:00 horas diante do Concello.
O broche final chegará o domingo 9 de marzo cunha despedida moi especial. Ás 18:00 horas, a Praza dos Voluntarios acollerá o velorio e a misa cómica a Don Caetano, seguido dun desfile festivo animado pola Batucada-Escola de Samba Malandros, que percorrerá as rúas ata a zona de Ramón Juega. Como colofón, a tradicional queima pirotécnica silenciosa de Don Caetano porá punto final a unha semana chea de ledicia e diversión.
O Concello de Laxe, organizador do evento, convida a toda a veciñanza e visitantes a participar no LAXENTROIDO 2025 e a vivir unhas xornadas cheas de festa, cultura e tradición.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.