
Hoxe tivo lugar o acto institucional que dá comezo ás actividades que ten programadas o Concello de Ribeira durante esta semana na honra de Rosalía de Castro.
O acto institucional consistiu na plantación da “Figueira de Rosalía de Castro” que a propia Fundación lle doa ao Concello de Ribeira por mediación Anxo Angueira, presidente da Fundación e tamén membro da RAG. No acto estiveron presentes varios membros do goberno local ademais do alcalde de Ribeira, rapazada de primaria de diferentes colexios e o gaiteiro de Ribeira, Alberto Millán que comezou o acto tocando a “Alborada de Rosalía”.
A continuación o académico monstrou o seu agradecemento por estar en Ribeira “veño dende Padrón e veño encantado e feliz de participar neste acto cheo de alegría, para min é unha honra participar neste acto plantando unha figueira que vén dende Padrón a Ribeira da horta de Rosalía a este xardín de Ribeira que é un símbolo da irmandade entre a casa de Rosalía e o pobo de Ribeira”. Angueira puxo en valor a colaboración que está tendo o Concello coa Casa de Rosalía xa que anteriormente o Concello apadriñou a última edición da revista de estudos rosalianos, Follas Novas, “e neste ano tedes un conxunto de actividades extraordinarias, un exemplo para o resto de Galicia o que se está facendo en Ribeira con estas accións”. Rematou cun desexo “que esta figueira, prenda en Ribeira como prende nos vosos corazóns de miniños e meniñas o amor á nosa lingua, o amor á nosa cultura, o amor a nosa terra”.
Por outra banda o rexedor sinalou ”esta árbore que arraigará nesta terra simboliza a memoria viva de Rosalía de Castro, unha das voces mais salientables do pobo galego”.
Pérez Barral falou dunha Rosalía pioneira e valente “porque nun tempo no que o galego estaba silenciado, decidiu escribir na nosa lingua, a lingua dos nosos avós e avoas, a lingua que hoxe falamos con orgullo. Rosalía ergueu a súa voz en galego cando outros calaban, e grazas a ela, hoxe temos unha herdanza cultural que nos identifica”, tamén puxo en contexto a quebra na transmisión interxeracional, “cómpre aplicar políticas e medidas que permitan promover o uso da lingua galega en todos os ámbitos, especialmente no educativo”.
Barral non esqueceu o compromiso e traballo cos máis humildes, tamén como persoa adiantada ao seu tempo na defensa dos dereitos das mulleres “por iso, esta figueira é tamén un símbolo de resistencia, de dignidade e de esperanza. Que as súas raíces afonden no noso chan como as palabras de Rosalía afondaron no noso corazón. Que as súas pólas se estendan cara o ceo, como o exemplo de Rosalía segue a guiarnos cara un futuro de xustiza, igualdade e orgullo polo noso” e rematou “dende hoxe, Ribeira tamén é un concello que visibiliza o seu compromiso rosaliano e para lembrar a súa voz inmortal”.
O acto inaugural rematou co descubrimento dunha placa honorífica na compañía do himno galego.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.