
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta as iniciativas que se organizan co gallo desta efeméride xunto coa Fundación Rosalía de Castro
O domingo, os actos oficiais terán lugar en Santiago de Compostela e Padrón, coa música da agrupación Os Carapaus e Antía Muíño
A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia conmemora esta data con propostas como contacontos, mostras bibliográficas ou obradoiros
A Xunta de Galicia celebrará o Día de Rosalía, que se conmemora o vindeiro 23 de febreiro, cun amplo abano de actividades que inclúen propostas nas bibliotecas públicas xestionadas polo Goberno galego e iniciativas en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. Así o anunciou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nun acto que tivo lugar na Casa da autora, en Padrón, xunto co presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, puxo en valor a importancia de homenaxear e lembrar “á nosa poeta máis universal que supón, ademais, un dos principais símbolos da nosa identidade”. Nesta liña, Anxo M. Lorenzo engadiu que a Galicia que hoxe coñecemos non sería posible sen o legado que nos deixou a autora de Cantares gallegos “polo que convido a toda a poboación a sumarse a esta data e gozar da herdanza dunha das principais embaixadoras da nosa cultura”.
Tal e como explicou, os actos que se impulsan en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro incluirán, como cada ano, actos oficiais repartidos entre Santiago de Compostela e Padrón, lugares de nacemento e pasamento da homenaxeada, respectivamente. Deste xeito, a celebración comezará na capital galega ás 10,00 horas coa ofrenda floral na praza de Vigo, onde naceu a escritora.
A continuación, terá lugar o acto central do día, ás 11,00 horas, no Panteón das Galegas e Galegos Ilustres. Xa pola tarde, a Casa de Rosalía de Padrón acollerá a novena edición do Caldo de Gloria da man de Alberto Carou, chef do restaurante O Curral do Marqués. Paralelamente, tamén se degustará este prato noutros centros galegos do exterior, como os de Castellón, León e Pamplona.
A cantante Antía Muíño porá o broche final do día cunha actuación no auditorio da Casa-Museo ás 20,00 horas. Ademais, tamén se celebrará a tradicional Alborada de Rosalía coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas.
Programación das bibliotecas
Pola súa banda, as bibliotecas da Xunta de Galicia conmemorarán durante todo este mes a Rosalía de Castro con propostas que inclúen desde contacontos, mostras bibliográficas, obradoiros ou actividades infantís. Así, en Santiago de Compostela, a Biblioteca de Galicia ofrecerá o 27 de febreiro, ás 19,30 horas, a xornada Conversa arredor de Rosalía e a natureza: das beiras do Sa á constelación do Serpentario con María López e María do Cebreiro, mentres que a Biblioteca Pública Ánxel Casal celebrará o sábado 22, ás 12,00 horas, o contacontos Rosalía Pequena. Ademais, ata finais de mes terá aberta a mostra bibliográfica infantil Sempre Rosalía e ofrecerá as actividades virtuais Timeline Rosalía de Castro e o Roteiro vitual de Rosalía en Compostela.
Na Coruña, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés programará para os días 24 e 26, ás 10,00 horas, o obradoiro Ramas Literarias, mentres que ata o vindeiro 28 de febreiro terá aberta a mostra bibliográfica en homenaxe a autora, Parabéns Rosalía.
En Lugo, a Biblioteca Pública celebrará o día 21, ás 18,00 horas, para cativos de 4 a 12 anos, o contacontos de Charo Pita, Menú de contos. Mentres que, o vindeiro xoves 27, ás 20,00 horas, porán o toque musical o cuarteto vocal lucense Son de Corda co seu repertorio lusófono.
Na cidade de Ourense, a Biblioteca Nós ten previsto lembrar á poeta a través da mostra bibliográfica Rosalía en verso que recompila fragmentos dos seus textos en varios espazos do centro. Ademais, para o público infantil o martes 25, ás 18,00 horas, celebrarase o contacontos Airiños, aires… de Rosalía a cargo de Susana Villar.
Por outra banda, en Pontevedra, no espazo expositivo da Biblioteca Antonio Odriozola exporase ata o 1 de marzo a mostra Rosalía de Castro. A voz das letras galegas. Por último, en Vigo, a Biblioteca Juan Compañel encherá os seus espazos cos versos da autora ata finais de mes e mañá, a partir das 18,15 horas, contará con dúas sesións de narración oral con Raquel Galavis.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.