As solicitudes haberá que cubrilas presencialmente, no caso de San Sadurniño, nas oficinas de Igualdade ou de Orientación Laboral
O proxecto Rede Xiana 2 no que participan varios concellos da zona xunto coa Deputación da Coruña acaba de abrir o prazo de inscrición nunha nova acción formativa centrada, neste caso, na fructicultura. O curso desenvolverase en Cerdido, previsiblemente, desde finais deste mes. Ofrécense 18 prazas para o conxunto de municipios participantes. As persoas interesadas en inscribirse deben pasar obrigatoriamente pola oficina de Igualdade ou ben pola de Orientación Laboral para cubrir os impresos. O prazo remata o mércores 16 de marzo e para axilizar a tramitación da solicitude é conveniente traer a documentación requirida.
Os papeis que se deberán levar son os seguintes:
-Fotocopia de DNI ou do NIE no seu caso.
-Fotocopia da tarxeta de demandante de emprego debidamente actualizada.
-Certificado ou volante de empadroamento.
-Informe de Vida Laboral actualizado (emitido no mes no que se realice a inscrición)
-Copia compulsada da titulación mínima requerida que lle da acceso á formación.
A maiores da documentación mencionada as persoas que se atopen ou posúan algunha situación especial deberán acreditar tal situación mediante a presentación de documentación adicional:
-Inmigrante non comunitaria: Tarxeta de residencia vixente con autorización para traballar.
-Emigrante retornado/a: Baixa consular vixente (2 anos dende a súa emisión), expedida pola Oficina Consular española na que estivese inscrito/a
-Minoría étnica: Informe de Servizos Sociais Municipais.
-Discapacidade: Certificado de Minusvalía debidamente actualizado, expedido polo órgano competente.
-Responsable de persoas dependentes: Informe de Servizos Sociais Municipais e Certificado de Convivencia
-Problematicas socio- familiares: Informe de Servizos Sociais Municipais
-Persoa que volve ao mercado laboral: Informe de Vida Laboral e Informe dos Servizos Sociais Municipais
-Percepción da RISGA: Resolución de concesión da axuda.
-Primeiro Emprego: Informe de Vida Laboral.
Desde a Rede Xiana 2 indícase que o curso comezará na segunda quincena de marzo, e ten unha duración total de 880 horas, repartidas en 600horas de formación teórica, 80 horas de orientación laboral e 200 horas de formación práctica en entidades e empresa da provincia relacionadas co sector. Os contidos son os seguintes:
-Realizar os labores de preparación do terreo e de plantación de froiteiras.
-Realizar as operacións de cultivo, recolección, transporte e primeiro acondicionamento da froita.
-Controlar as plagas, enfermidades, malas herbas e fisiopatías.
-Manexar tractores e montar instalacións agrarias, realizando o seu mantemento.
Os obxectivos do curso son os de proporcionar a información, formación e experiencia profesional necesaria para realizar as pequenas operacións de instalación, mantemento, producción, recolección nunha explotación frutícola. Neles inclúese o control da sanidade vexetal, o manexo de maquinaria e a aplicación de criterios de boas prácticas agrícolas, de rendibilidade económica e cumprindo coa normativa medioambiental, de control de calidade, seguridade alimentaria e prevención de riscos laborais.
Aínda que neste caso formación non éstá acreditada pola Consellería de Traballo e Benestar, os requisitos acádemicos e de formación para poder participar son os mesmos que para o acceso a un certificado de profesionalidade de Nivel 2.