
Román Rodríguez mantén unha reunión de traballo cos reitores da USC, UVigo e UDC, que serán algunhas das institucións que poidan recibir a estes científicos
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión cos reitores das tres universidades públicas galegas: de Santiago de Compostela, Antonio López; de Vigo, Manuel Reigosa, e da Coruña, Ricardo Cao. Esta xuntanza de traballo é a primeira da rolda de contactos que a Xunta desenvolverá nos próximos meses para planificar e activar a nova Fundación Galtia, unha entidade destinada a atracción de talento investigador de alto nivel que na actualidade traballan noutros países e cuxa creación foi aprobada este luns no Consello da Xunta cun investimento de máis de 35 M€.
A nova fundación busca captar 30 investigadores de máximo prestixio internacional nos próximos cinco anos para fornecer o talento vinculado á I+D+i, atraendo profesionais que sexan referentes en áreas de coñecemento estratéxicas para a nosa Comunidade. Estes investigadores integraranse en centros e unidades de investigación xa existentes para reforzar o bo traballo actualmente en marcha en Galicia. Entre eles figuran os centros de investigación universitarios da Rede CIGUS, como se explicou na reunión de hoxe, na que tamén participou o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez.
A Fundación Galtia prevé un retorno económico estimado de 117M€, o que supón multiplicar por 3,3 a achega pública realizada. Dado o seu impacto, o Goberno galego quere poñela en marcha en diálogo co ecosistema galego de I+D+i para aliñar as futuras actuacións coas necesidades e aspiracións da comunidade científica galega. Así, asegurarase unha integración harmónica e o máximo aproveitamento de sinerxías para impulsar a excelencia e a competitividade como obxectivos básicos da nova fundación. Dentro deste calendario de traballo, dedicarase este ano ás tarefas necesarias para o arranque da mesma e para preparar a primeira convocatoria de captación en 2026.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.