
Todas aquelas persoas interesadas poden inscribirse para participar na carreira nocturna SantYaGo 10 K que se celebrará o sábado 10 de maio ás 22:00 horas. Esta carreira nocturna homologada pola Federación Española de Atletismo e que conta coa colaboración do Departamento de Deportes do Concello de Santiago, percorrerá as rúas máis emblemáticas da cidade, con saída en San Francisco e chegada á praza do Obradoiro, con máis do 50% do seu circuíto na súa zona monumental. Este ano engadirase a esta cita deportiva, a SantYaGo10k Escolares, cun percorrido de 4 quilómetros para participantes de 10 a 17 anos.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, acompañada do presidente do Club de Atletismo Fontes de Sar, José A. Juanatey; o presidente de Aspanaes, Ignacio Labella e o director do colexio Duques de Lugo, presentou esta mañá en rolda de prensa os detalles da IX edición da carreira nocturna SantYaGo 10K, que se celebrará en Compostela o vindeiro 22 de maio ás 22.00 horas e que terá como límite máximo de participantes, 1.500.
Pilar Lueiro recordou que esta proba está incluída no circuíto de carreiras Patrimonio da humanidade, e que un ano máis contará coa presenza de ENKI, asociación que traballa pola inclusión das persoas con diversidade funcional no lecer e no deporte, con especial atención aos menores, que participarán nesta carreira con transporte adaptado.
Ademais, a concelleira adiantou que este ano como novidade, incluirase a SantYaGo Escolar, dirixida á rapazada entre 10 e 17 anos, “unha proba que se adianta ás 20 horas e terá a saída e a chegada na praza do Obradoiro e un circuíto de 4 quilómetros que discorrerá pola zona monumental”.
Como en anteriores edicións, a SantYaGo está orientada ao corredor popular, que vén a Santiago a gozar e coñecer a cidade facendo deporte. Mantendo o seu carácter lúdico, o este evento deportivo tamén contará cunha variedade de actuacións en directo ao longo de todo o percorrido, e unha serie de sorteos destinados aos rexistrados e voluntarios. A concelleira destacou que se trata dun “evento deportivo, pero tamén festivo” e animou a toda a cidadanía a participar “se non é correndo, é animando, para convertila na gran festa do deporte e do atletismo”.
Na súa vertente máis social, a carreira porá tamén este ano a disposición das persoas interesadas o ‘dorsal peregrino’ e a posibilidade de doar cartos, cuxa recadación irá este ano para ASPANAES, Entidade Non Lucrativa de Acción Social con máis de 45 anos de traxectoria que traballa para promover oportunidades en todo o ciclo vital de cada persoa con autismo e a súa familia, facilitando apoios específicos e especializados para que poidan desenvolver o seu proxecto de vida.
Inscrición
Para inscribirse haberá dous prazos: ata o 6 de abril, cun prezo de inscrición de 10€; e do 7 de abril ao 4 de maio, que pasará a 13 €. As inscricións deberán realizarse a través da páxina web da SantyaGO 10k ou de maneira presencial, no multiúsos Fontes do Sar ou no Complexo Deportivo Santa Isabel.
Os abonados ao multiúsos Fontes do Sar e o CD Santa Isabel disfrutarán dun desconto de 2€ na inscripción.
No caso da carreira SantYaGo Escolar para aos/as máis pequenos/as da casa, que contará cun percorrido de aproximadamente 4km con saída e meta na Praza do Obradoiro, ainscrición será gratuíta.
Historia da proba
SantYaGo10k naceu en 2015 da man do Club de Atletismo Fontes do Sar que, logo de participar en ducias de carreiras en toda España, deseñou unha cita pensando nos corredores populares e tomando os mellores detalles dunha multitude de probas de todo tipo.
Esta carreira conta co apoio do Concello de Santiago, o Multiúsos Fontes do Sar/Complexo Deportivo de Santa Isabel e as federacións galega e española de atletismo. Tamén colaboran na carreira a Policía Local de Santiago, Protección Civil, Cruz Vermella, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Deporte Galego, Turismo de Santiago de Compostela e Kodular, así como outras entidades e empresas da cidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.