
Aproveitando a bonanza do tempo destes días, o Concello de San Sadurniño está rematando o último dos proxectos viarios financiados coa parte económica fixa do POS+ 2024. E é que despois de completar a reparación da pista que enlaza a antiga estrada das Pontes co lugar da Gándara (Ferreira), a empresa adxudicataria dos traballos iniciou hoxe mesmo o arranxo da pista que artella o núcleo do Pico, en Naraío. O investimento na obra aproxímase aos 46.000 euros e agárdase que quede lista nesta mesma semana. Así, pouco a pouco van completándose as infraestruturas viarias sufragadas cos fondos provinciais do ano pasado. Quedarían pendentes unicamente os dous grandes aglomerados incluídos nas previsións do Plan Complementario. Son o da pista dos Currás, en San Sadurniño, e o do tramo entre A Bañoca e o Castro, en Bardaos, ambos xa adxudicados e de execución inminente.
Para o POS+ 2024 deseñáronse tres proxectos de reparación dun total de nove camiños e pistas de titularidade municipal, agrupadas en cada proxecto por proximidade xeográfica. A solución técnica nos tres proxectos foi a mesma: facer en primeiro lugar unha limpeza do firme e das cunetas, despois igualar a superficie eliminando fochancas e reforzando bordes e, por último, renovar o pavimento mediante regas asfálticas mesturadas con grava miúda.
Neste sentido, na banda norte de San Sadurniño -en Santa Mariña e Bardaos- asfaltouse a pista entre O Castro e A Sanguiñeira, de 680 metros, e mellorouse o acceso a unha vivenda no Vilar (100 m). No mesmo proxecto tamén se incluiu a obra de mellora da pista que sobe desde a igrexa de San Paio, en Ferreira, até o lugar do Bidueiro, situado 870 metros máis arriba, na aba do Pico de San Vicente. O custe dos traballos situouse, segundo o prezo final de adxudicación, en 52.030 euros, impostos incluídos.
Outro dos proxectos xa executados serviu para acondicionar catro pistas de Ferreira, Naraío e Igrexafeita. Foron a conexión do núcleo do Sumeiro coa estrada provincial DP-7601, en Ferreira de Arriba (400 m); a renovación do firme desde a Fraguela ata a Ponte da Pedreira, en Naraío (950 m); e, xa en Igrexafeita, a reparación de cerca de 200 metros na parte alta da Torre, que incluiu a construción dunha taxea, así como os 450 metros que conectan as últimas vivendas de Amido coa pista aglomerada que sobe ao Hedreiro e A Chabola. Neste caso o importe da obra foi de 53.240 euros.
O terceiro dos proxectos acollido á asignación fixa do POS+ da Deputación da Coruña xuntou, por un lado, o arranxo da pista entre a Penavidreira (Naraío) e A Gándara (Ferreira), sobre unha distancia total de 825 metros, e por outro, a reparación do eixo interior que baixa desde O Pico ata o Freixo, en Naraío.
Este último tramo, no que se está traballando estes días, forma un grande “Y” cercano ao quilómetro de trazado que conecta en dous puntos coa estrada AC-125. A pista enfía unha decena de vivendas do Pico e o Freixo, ademais de ser o camiño polo que tamén se serve a veciñanza da Pradella, a Vila ou Gundisalva. O importe da obra quedou fixado na adxudicación en 45.980€.
Execución inminente das dúas actuacións do Plan Complementario
Canda os proxectos con financiamento fixo do POS+ 2024, o Concello tamén tivo que presentarlle á Deputación os do Plan Complementario, é dicir, unha previsión de obras que se executarían no caso de que o ente provincial habilitase fondos para levalas a cabo, a través dos coñecidos como Plans Adicionais que van saíndo ao longo do exercicio nutridos con cartos que se aforran nas baixas dos procesos de licitación e con outros remanentes de tesouraría.
Así, finalmente o consistorio obtivo financiamento da Deputación para aglomerar o eixo O Castro-A Bañoca, en Bardaos, de 825 metros, e para o ancheado e reparación co mesmo tipo de firme da pista que enlaza a Capela de Belén co campo de fútbol dos Currás (840 metros), en San Sadurniño. Ambos proxectos, licitados por separado, fóronlle adxudicados a José No Mantiñán e Hijos por un importe global de 147.137 euros. Agárdase que a empresa poida iniciar os traballos en breve.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.