
O alumnado poderá consultar as solicitudes e puntuacións das solicitudes seleccionadas, en espera e excluídas na web educativa municipal
O Concello da Coruña, a través da Concellería de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, publica hoxe as listas provisionais das solicitudes seleccionadas, as que configuran a lista de agarda e as excluídas no programa de Bolsas Norteamérica 2025-2026. Estas bolsas permitirán a 30 estudantes cursar 1º de Bacharelato en Canadá durante o próximo curso escolar.
Os listados provisionais pódense consultar na web educativa municipal (www.coruna.gal/educacion). O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, destacou a importancia desta iniciativa impulsada polo Goberno de Inés Rey para fomentar a inmersión lingüística e a formación internacional do alumnado coruñés. “Estas bolsas non só permiten unha mellora académica no dominio da lingua inglesa, senón que ofrecen unha experiencia vital que enriquece o desenvolvemento persoal do estudantado”, sinalou Borrego.
Das 121 solicitudes presentadas, foron 30 as seleccionadas provisionalmente, establecéndose unha lista de agarda con outras 70 solicitudes, mentres que 21 foron excluídas por diferentes motivos, como non cumprir os requisitos establecidos nas bases da convocatoria, presentar documentación incorrecta ou duplicada, ou non rexistrar correctamente a solicitude.
Prazo de reclamacións e publicación da listaxe definitiva
Desde mañá e ata o 5 de marzo, abrirase un prazo para que as persoas solicitantes poidan presentar reclamacións á baremación aprobada por unha Comisión de Valoración integrada por persoal técnico do Servizo de Educación e da área de Servizos Sociais. Unha vez finalizado este proceso, a comisión procederá á valoración definitiva das solicitudes admitidas.
A lista definitiva do alumnado seleccionado para participar no programa publicarase posteriormente na web municipal, xunto coa lista de agarda para aquelas solicitudes que, cumprindo os requisitos, non entren inicialmente entre as beneficiarias das bolsas.
Un programa de inmersión educativa e cultural
O programa “A Coruña no Mundo: Bolsas Norteamérica 2025-26” está dirixido ao alumnado de 4º da ESO dos centros educativos do municipio. O Concello destina 650.000 euros a esta iniciativa, que inclúe a estancia durante un ano académico en Canadá convivindo cunha familia anfitrioa, a escolarización nun High School canadense, a tramitación do visado, as viaxes de ida e volta, a asistencia sanitaria e unha axuda mensual de 120 euros para manutención. Ademais, o alumnado con menos recursos poderá optar a unha achega adicional de 400 euros, condicionada a un informe de vulnerabilidade social emitido polos servizos sociais municipais.
Para máis información sobre o programa e o proceso de reclamacións, pódese consultar na seguinte ligazón.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.