
Alternativa dos Veciños considera importante regular a protección, conservación e mellora do arborado do termo municipal de Culleredo primando a plantación de especies autóctonas en substitución de especies invasoras; compaxinando a actividade madeireira coa protección do arborado existente. O pasado mes de xaneiro o alcalde recoñeceu no pleno que non existe regulación municipal ao respecto.
Alternativa vai presentar no próximo pleno unha moción para a creación dunha ordenanza que regule a protección, conservación e mellora do arborado do termo municipal de Culleredo primando a plantación de especies autóctonas en substitución das especies prohibidas pola Lei de 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e a Lei 7/2012 de montes de Galicia, creando un Fondo municipal de conservación do arborado e Regulando o exercicio da actividade forestal, as garantías do cumprimento das obrigacións, a xestión da biomasa, a medida compensatoria de repoboación e substitución de especies arbóreas e as infraccións e sancións procedentes.
A ordenanza debería regular o uso do espazo público municipal pola actividade forestal e a esixencia de responsabilidades durante as operacións preparatorias e de desenvolvemento de tala e saca de madeira, para asegurar a preservación do entorno, da paisaxe, dos bens municipais, da seguridade viaria e a prevención e defensa contra os incendios forestais, respecto aos danos e deterioracións que se poden xerar polo seu desenvolvemento.
Tamén debe contemplar a xestión da biomasa vexetal e a retirada de árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; a protección, conservación e mellora do arborado público e privado do municipio de Culleredo, mediante a súa defensa, fomento das especies autóctonas e a regulación da xestión de plantacións arbóreas, repoboacións, transplantes e podas drásticas de arborado; a protección, conservación e mellora das masas arbóreas mediante a súa defensa, fomento e coidado como parte integrante do patrimonio municipal; e o establecemento dos instrumentos xurídicos de intervención e control e o réxime sancionador en defensa e protección.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.