Saturday 22 de February de 2025

O Concello incrementa os fondos para o mantemento e conservación dos colexios e centros de educación especial, con 1,4 millóns previstos a dous anos vista


Ademais, o Goberno de Inés Rey solicitaralle á Fundación Biodiversidade o cofinanciamento das actuacións que se acometerán nos barrios de Monte Alto, a Sagrada Familia e a Agra do Orzán para crear novos corredores ecolóxicos

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que aprobou a saída a concurso do contrato de conservación e mantemento dos colexios e centros de educación especial da cidade, cun investimento de 1,4 millóns en dous anos. A alcaldesa informou de que hai un incremento con respecto aos fondos que se estaban a destinar ata agora a este contrato, “que poderemos ampliar por outros tres exercicios máis”.
“Este servizo é fundamental para lles dar resposta ás necesidades diarias dos centros educativos da cidade, a curto, medio e longo prazo. Estamos a atender cuestións básicas como melloras na rede de electricidade dos colexios, nos seus aseos e tamén en materia de renovación e construción de infraestruturas para o uso e lecer da rapazada”, precisou Rey, que apuntou que este contrato terá un impacto directo en 29 centros educativos da Coruña, “cos que xa vimos traballando arreo”.

A este respecto, a alcaldesa lembrou que as competencias neste eido son fundamentalmente da Xunta de Galicia. “Nós, como Concello, estamos comprometidos coa comunidade educativa da cidade e coas súas demandas. Por iso, na medida das nosas posibilidades imos atendendo moitas cuestións e intervencións que nos trasladan os colexios. Días atrás rematamos os traballos de substitución de todas as ventás do edificio de actividades extraescolares do CEIP Emilia Pardo Bazán, no barrio dos Rosales, e tamén estamos a impulsar melloras noutros colexios como o Ramón de la Sagra e María Pita, en Elviña, e o Víctor López Seoane, en Monte Alto”, manifestou.

Aposta pola creación de corredores ecolóxicos nos barrios

Noutra orde de asuntos, a alcaldesa informou hoxe de que o Concello se presentará á nova convocatoria de axudas da Fundación Biodiversidade co obxectivo de cofinanciar un amplo abano de iniciativas previstas na cidade en materia de renaturalización e creación de áreas verdes.
“Como anunciamos na presentación dos orzamentos municipais para este ano, contamos con fondos propios para acometer, por exemplo, o parque de Monte Martelo e as melloras previstas en Santa Margarida e o parque Europa, tamén a segunda fase do bosque de Breogán. Vimos insistindo moito na importancia de coidar e ampliar os pulmóns verdes da nosa cidade porque entendemos que o futuro da Coruña pasa por rexenerar a súa paisaxe urbana facéndoa sostible en termos medioambientais nun contexto —o do cambio climático a escala global— no que todas e todos temos que sumar o noso gran de area. A posición do Goberno municipal neste sentido é firme: apostamos por naturalizar a cidade, os nosos dez distritos, con máis verde en vez de máis gris. Por iso, solicitaremos fondos á Fundación Biodiversidade para cofinanciar diversas actuacións por valor de 3,4 millóns, coas que buscamos darlle resposta a demandas veciñais en barrios como a Sagrada Familia, Monte Alto e a Agra do Orzán, tres dos máis compactados da cidade en termos urbanísticos e, precisamente por isto, onde é máis necesario actuar, para osixenar e gañar espazos verdes nas súas rúas”, indicou Rey.

A rexedora explicou que, concorrendo á convocatoria da Fundación Biodiversidade, o Concello busca dispor de máis fondos externos “para acometer proxectos que serán unha realidade, ben cofinanciados ou con fondos propios, nos vindeiros anos”.

Entre as medidas xa sobre a mesa están as melloras de biodiversidade previstas entre o parque Carlos Casares e o ENIL da Torre de Hércules; a restauración da zona húmida do parque de Eirís e a creación dun novo no parque de Oza. A estas tres propostas tamén se sumarán outras medidas coas que o Goberno de Inés Rey pretende transformar espazos públicos dos barrios.
Por exemplo, na rúa San Xaime da Sagrada Familia, onde está previsto crear un corredor ecolóxico que conecte os parques de Vioño e Santa Margarida. Este corredor cortaría en perpendicular o treito da rúa do barrio que formará parte da Rolda Peonil.

Esta medida será moi semellante á que está previsto implementar en Monte Alto ao longo do Camiño do Vixía, que conectaría o parque Carlos Casares co campo de Marte. “O percorrido sobre o que estamos a traballar suporía a creación doutro corredor ecolóxico que partiría da rolda de Monte Alto, pasando pola rúa Suevia e a Verea do Polvorín chegando xa ao campo de Marte. A elección das rúas ten a súa razón de ser. Este trazado iría en paralelo aos accesos a centros educativos como o Víctor López Seoane e á escola infantil Luís Seoane, tamén á praza dos Avós e ao centro cívico do barrio; é dicir, espazos públicos ao aire libre, espazos de lecer ou equipamentos de usos múltiples ”, razoou a alcaldesa.

Ademais, no barrio da Agra do Orzán está prevista a posta en marcha dun proxecto piloto no que o Concello afrontará a implantación de microespazos verdes a través dun proceso de colaboración aberto coa participación da veciñanza, no que se recollerán as súas achegas para deseñar a creación de novos espazos.
“Que esta iniciativa se execute na Agra ten que ver coa súa propia configuración urbanística, pola súa densidade poboacional e polas dificultades existentes para atopar espazos públicos libres de uso. O que buscamos é que as veciñas e veciños da Agra formen parte activa do proceso previo á toma de decisións e que tamén sintan como propias as áreas e microespazos verdes que alí se creen, aos que se sumará a apertura do parque do Observatorio, que forma parte dos nosos compromisos para este mandato e ao que daremos cumprimento”, incidiu Rey.

3,5 millóns para reforzar o servizo de limpeza da rede de saneamento

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a licitación do contrato de limpeza da rede de saneamento municipal, un servizo no que o Concello levará a cabo un investimento de 3,5 millóns ata o ano 2028.

Nos últimos anos, o Goberno de Inés Rey vénlle dando un pulo á renovación da rede en todos os barrios da cidade, especialmente naqueles onde as infraestruturas eran máis antigas. Por exemplo, da Agra do Orzán, A Falperra, Os Mallos e Monte Alto, entre outros. “Imos paso a paso mellorando a rede, instalando tubaxes con materiais máis resistentes e seguros, e tamén creando redes separativas en distritos onde ata agora non as había ou só puntualmente nalgunhas rúas, como na Zapateira ou Bens. E farémolo proximamente no Barrio das Flores, onde xa temosprevisto un investimento de 400.000 euros para acometer a segunda fase de construción da súa nova rede de saneamento separativa”, explicou a alcaldesa na rolda de prensa desta mañá.

Actualmente, o Concello está a traballar en diversos puntos da cidade como as rúas Pintor Villar Chao e Marsella, tamén na rúa Julia Minguillón, ao abeiro das obras para mellorar a accesibilidade entre O Peruleiro e a rúa Barcelona. “Son investimentos moi necesarios que se complementan con este novo contrato de limpeza da rede, fundamental para o seu mantemento”, dixo Rey.
O contrato de conservación que sae agora a concurso terá unha vixencia inicial de tres anos, prorrogables por outros dous.

Licenzas para derrubar edificios en desuso nas Xubias de Arriba

Xa no referente aos asuntos da área de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a concesión de licenza para derrubar seis edificios en desuso nas Xubias de Arriba, unha medida que abre camiño ao plan de intervención integral previsto na contorna para rexenerar a súa fachada marítima. Os inmobles que contan xa con autorización para a súa demolición están moi preto dos antigos terreos dos estaleiros Valiña.
Por outra banda, concedéuselles licenza a seis bloques residenciais da rúa Ribeira Sacra, no barrio de Novo Mesoiro, para que a Comunidade de Propietarios acometa a rehabilitación e illamento das fachadas, tamén a substitución das carpintarías dos edificios. A intervención conta cun orzamento de 3,3 millóns de euros.

Deja un comentario