
José Antonio de la Riera, un dos especialistas que delimitou o itinerario, presentouno ás asociacións xacobeas húngaras en dúas conferencias que tiveron lugar en Budapest e Szeged
A “Volta de Gloria”, o primeiro itinerario cultural e paisaxístico circular baseado en dúas Rutas Xacobeas (o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia), dáse a coñecer fóra das nosas fronteiras. Se o pasado mes de xaneiro facía a súa presentación oficial no marco de FITUR, desta vez esta ruta foi dada a coñecer en Hungría a través de dúas conferencias impartidas por José Antonio de la Riera nas cidades de Budapest e Szeged.
“Un premio ao final de todos os Camiños de Europa: dúas rutas xacobeas máis un itinerario mítico de enlace entre montes sacros, xunto ao océano infinito. Facho de Fisterra, Olimpo Celta (Monte Pindo) e Monte Louro. Para aventureiros, buscadores, desfrutóns e, sobre todo, xente sen presa”, deste xeito presentou José Antonio de la Riera a “Volta de Gloria”.
Escritor, investigador e membro fundador de distintas entidades como a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago ou a Asociación Vía Mariana, José Antonio de la Riera é un dos responsables do traballo de delimitación da “Volta de Gloria”, xunto a outros expertos como Antón Pombo e Segundo Saavedra. Un itinerario que presentou en Hungría, en sendas conferencias moi concorridas na capital Budapest e en Szeged, cidade universitaria ao sur do país que é a terceira máis poboada do país.
José Antonio de la Riera desprazouse en primeiro lugar a Budapest, onde presentou a “Volta de Gloria” ás asociacións xacobeas de Hungría. Ao día seguinte, desprazouse ata Szeged, onde reuniu a gran número de peregrinos e sendeiristas, a quen explicou que a ruta estará plenamente operativa en primavera, como un espazo de transición entre a Ría da Estrela e a Costa da Morte.
Volta de Gloria
“Volta de Gloria” é o primeiro itinerario turístico, cultural e paisaxístico que une dous camiños xacobeos, creando o primeiro percorrido circular con saída e meta en Santiago. Un itinerario que suma un total de 300 quilómetros e que se pode facer en 10 ou 15 días. Unha iniciativa impulsada pola Ría da Estrela e os concellos de Carnota, Cee, Dumbría e Muros, en colaboración co GALP Costa Sostible.
A “Volta de Gloria” discorre por impresionantes monumentos naturais, entre os que figuran dous dos montes máis míticos de Galicia: o Monte Pindo, coñecido como o “Olimpo Celta”, e o Monte Louro, que conforma un espectacular conxunto natural coa lagoa das Xalfas e a praia de Area Maior. Canda eles figuran moitos atractivos turísticos como a fervenza do Ézaro en Dumbría, a única de Europa que verte directamente ao mar; ou a praia máis longa de Galicia, emprazada en Carnota canda algúns dos hórreos máis grandes da comunidade.
Un percorrido entre Cee e Muros sinalizado grazas á financiación do GALP Costa Sostible e que é rico tamén en pegadas arqueolóxicas (petróglifos, mámoas, castros), paisaxes espectaculares e enclaves singulares, como a Caseta de Pepe do Cuco de Carnota, o primeiro museo automatizado de Galicia con acceso libre 24 horas ao día todos os días do ano que recolle a historia mariñeira do municipio. Trátase dun produto turístico que non é exclusivo para peregrinos, senón que está aberto a sendeiristas, ciclistas ou xente que faga o percorrido nas fins de semana.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.