Saturday 22 de February de 2025

En marcha os traballos de substitución das varandas de protección nas beirarrúas do Portazgo e do Poulo


Neda inviste nesta mellora da seguridade viaria máis de 43.000 euros

Por fin arrincaron as obras de substitución das barreiras de protección peonil nas marxes exteriores das beirarrúas da AC-862, entre o Portazgo e o Poulo. A intervención, comprometida polo Concello de Neda, e moi demandada pola veciñanza destes lugares de Xuvia, busca mellorar a seguridade dos viandantes, minimizando o risco de caída sobre as parcelas e vivendas, situadas a unha cota inferior.
Este martes procedíase á desmontaxe e retirada das vellas varandas, que aínda se mantiñan en pé neste treito, a pesar do seu evidente deterioro a consecuencia da oxidación. E quedaban xa instaladas na zona do Poulo as novas estruturas.

A obra, adxudicada durante o pasado outono á firma Señalizaciones Norte SL, inclúe a fabricación e colocación dun total de 119 metros de novas barreiras. Estas, segundo o previsto, presentan un aspecto semellante ás precedentes, e están “resoltas en aceiro co axeitado tratamento” para garantir a súa duración

A administración municipal investirá nesta mellora, que rematará de forma inminente, un total de 43.265 euros, que se financiarán con cargo aos fondos do POS + 2024.

Deja un comentario