Monday 14 de April de 2025

O pleno aproba os orzamentos xerais de 2025, que ascenden a 10.880.000 euros


O alcalde avanzou que “sumamos ás contas 1,5 millóns de euros máis procedentes de subvencións doutras administracións” recentemente concedidas.

O Concello da Laracha contará no ano 2025 cun orzamento xeral de 10.880.000 euros, equilibrado en gastos e ingresos, tras ser aprobadas as contas nun Pleno extraordinario celebrado hoxe no que ese foi o único punto da Orde do Día.

Estes presupostos iniciais son lixeiramente inferiores aos do ano anterior (0,82 %), nos que foran os máis altos da historia do Concello. Non obstante, o alcalde, José Manuel López Varela, avanzou á Corporación que xa van ser incorporados outros 1.541.708,45 euros procedentes de subvencións doutras administracións recentemente confirmadas: a do Instituto para la Transición Justa para a transformación do Edificio de Servizos Múltiples nun edificio interxeracional, a da Xunta de Galicia para investimentos na rede viaria e a da Deputación da Coruña para a contratación de persoal para a prestación de servizos.
O rexedor municipal subliñou a “cautela e precaución” coa que foron elaborados os orzamentos, e explicou que neste ano se retrasou a súa tramitación “por estar pendentes de obter información” de relevancia. Neste sentido, referiuse á non existencia de orzamentos xerais do Estado, en previsión do cal as contas municipais contemplan un incremento do 2,5 % nos salarios do persoal municipal adiantándose ás decisións que poidan tomar ao respecto desde o Goberno central, aínda que polo momento “non hai nada concreto”. Tamén citou a falta de datos sobre a liquidación do exercicio 2023, apuntando que se incorporan aos novos orzamentos 250.000 euros con esa procedencia, só a metade da liquidación do 2022, nun exemplo de prudencia no momento de estimar o capítulo de ingresos.

O capítulo dos gastos en bens correntes e servizos (6.750.000 euros) lévase o 62 % do total dos orzamentos, cun aumento notable de preto do 12 % con respecto ao ano anterior. Isto explícase polo incremento no prezo da prestación de servizos, o encarecemento das fontes enerxética e a previsión de sacar a concurso a nova licitación da recollida de residuos sólidos urbanos e da xestión das instalacións do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha. O alcalde considera que o aumento “é necesario ante o incremento do gasto corrente” e puxo en valor o volume, cobertura e calidade das prestacións sociais nun Concello que “afortunadamente vai crecendo en servizos, e aí están os indicadores”, citando como exemplo o de axuda no fogar.

A investimentos reais inicialmente están consignados nos orzamentos máis de 640.000 euros para financiar a achega municipal para esta anualidade das obras de ampliación do punto limpo e da reforma da Casa do Concello, o desenvolvemento do plan municipal de conservación e mellora da rede viaria e a adquisición de camas articuladas e de equipos informáticos para o departamento de Servizos Sociais. Esta cantidade verase multiplicada ao remate do ano xa que, só coa reforma do Edificio de Servizos Múltiples anteriormente explicada, xa superara os dous millóns de euros a día de hoxe, e agarda ampliala máis ao longo do ano “con cargo ao remanente”.

Un ano máis vólvese poñer de manifesto o firme compromiso do Concello co comercio municipal, estando prevista a posta en marcha de iniciativas que dinamicen a economía local e que sexan xeradoras de oportunidades a través dos programas de formación para o emprego, e tamén co tecido asociativo, as comisións de festas e os deportistas máis destacados a título individual. O alcalde sentenciou que “ningunha entidade do Concello vai quedar sen axuda municipal”.
O grupo municipal socialista presentou unha emenda á totalidade dos orzamentos que contou co único voto favorable da súa portavoz, Inés Ramos, ao absterse o grupo do BNG e posicionarse en contra o grupo do Goberno. O edil do PSOE José Suárez non votou a emenda ao ser expulsado do Pleno tras ser chamado á orde polo alcalde.

Os orzamentos foron aprobados cos votos a favor do grupo de Goberno e o voto contra do BNG. A portavoz do PSOE abandonou a sesión plenaria antes de procederse á votación.