Friday 21 de February de 2025

Manuel César presenta os orzamentos municipais para o 2025 como os da “eficiencia social”


O concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César Vila, deu conta esta mañá en rolda de prensa do proxecto de orzamentos para este ano aprobado na Xunta de Goberno de onte que ascende a máis de 146 millóns de euros e estará complementado por un modificativo de crédito por un valor por 1,4 millóns de euros. Estas contas, que poñen o foco na vivenda e nos colectivos vulnerables a través de “políticas de carácter social en beneficio da veciñanza”, non prevén ningún incremento nos impostos para a cidadanía nin na débeda do Concello.

Manuel César destacou que este proxecto é “froito dun traballo intenso, nun contexto de dificultade económica, no que nos últimos anos unha inflación de custos, salariais e vinculados tamén ao que estaría vinculado a materias primas e compoñentes enerxéticas”.

O concelleiro subliñou que se trata dos orzamentos “da eficiencia social” no que se pon por diante “as políticas de carácter social, en beneficio da veciñanza” e nos que non haberá ningunha subida de impostos para a cidadanía. Neste sentido, tamén recordou que o obxectio principal do Goberno municipal é “a mellora nas condicións de vida da veciñanza, máis que a través da execución de grandes proxectos, co reforzamento dos servizos municipais”.

O edil tamén aproveitou para agradecer ao grupo político socialista o seu apoio e a súa “altura de miras” para sacar adiante as contas deste ano “tendo como obxectivo os intereses e as neceidades da veciñanza”.

Políticas de vivienda e colectivos vulnerables

En canto ás prioridades destas contas, Manuel César destacou as políticas de vivienda ás que se destinarán más de 4,2 millóns, centrados na adquisición e rehabilitación de vivenda co obxectivo de poñela no mercado a través de alugueres sociais. A este respecto, Manuel César recordou a celebración mañá no Pazo de Raxoi da mesa sectorial de vivenda, na que participarán uns 20 colectivos e na que se abordará a declaración de Santiago como mercado tensionado.

Tamén salientou a aposta do Concello polos colectivos máis vulnerables, con partidas en materia de conciliación e para as bolsas de comedor por valor de 900.000 euros, así como de máis de 6,3 millóns para o servizo de axuda no fogar. Tamén se destinarán máis de 8,5 millóns de euros ao servizo de transporte urbano, que permitirán manter os prezos e os descontos nos billetes para todas as persoas usuarias

Investimentos

Manuel César detallou que se asignará unha contía de 12,4 millóns de euros á área dos investimentos que se verá complementada con preto de 1,5 m procedentes do expediente modificativo de crédito.

Dos máis de 12 millóns en investimentos, case 1,5 millóns de euros destinaranse á construción dunha cociña centralizada. A esta cifra súmase “un importante número de proxectos que van ser adxudicados nas próximas semanas e que suman máis de 8 millónsde euros” con cargo ao orzamento do 2024, como son as reformas do pavillón de Santa Isabel, as obras de mellora da rúa Puente de la Reina e no cruzamento de Xeneral Pardiñas, a rehabilitación do Pazo de Raxoi, a implementación do proxecto do Barrio Verde de Pontepedriña ou a mellora de accesibilidade en 14 puntos da cidade.

Gastos

Ao respecto das partidas de gastos recollidas nos orzamentos, 56 millóns irán destinados a servizos sociais, con 27 millóns de carácter xeral, e outros 27 millóns para bens públicos.

Ademais, 130 millóns de euros corresponden aos gastos correntes, “o que supón a porcentaxe maior dos orzamentos”, explicou o concelleiro, no que se incluén as partidas para servizos públicos como as bolsas de comedor, o servizo de axuda ao fogar, o funcionamento dos centros socioculturais, a vixilancia da Policía local, coidado de parques, instalacións deportivas ou recollida de residuos.

Neste apartado, Manuel César destacou que se destinarán 1,3 millóns de euros á reforma do estadio Verónica Boquete “entre o que vai no propio orzamento e o que se suplementa co crédito que se xera no modificativo”, que achegaría en totañ máis de 1,4 millóns de euros co que tamén se complementaría o financiamento doutras actuacións como a substitución de tubaxes de auga da ETAP do Tambre, as obras dos POS+, a restauración do Ecobosque no Banquete de Conxo, o proxecto da renaturalización e mellora da biodiversidade e infraestructura verde no marco de ‘Entre Sar e Sarela’, o acondicionamento do CIRVI en Villestro ou a ampliación do da rede de abastecemento en Marantes.

O concelleiro tamén detallou que os gastos de persoal superará os 41 millóns, o que supón un 28% do gasto; 66,8 millóns de euros serán destinados ao soporte do funcionamento da Administración e de servizos de prestación directa, como a policía ou os Bombeiros, servizos externalizados como os da recollida de lixo, comerdores, trasnportes, axuda no fogar, entre outros, que aumenta nun 14% con respecto ao exericio anterior por mor do impacto da inflación.

Ingresos

No tocante aos ingresos, Manuel César destacou que “non se subiu ningún tipo de gravamen de ningún tributo, imposto ou taxa municipal”, pero si se “obterá unha maior recadación, a través da inspección fiscal dos servizos de tesourería municipal, da revisión dos padróns, e do cruzamento de bases de datos de diferentes administración públicas que farán aflorar novos contribuíntes”, labores que contribúen a mellorar a eficiencia na xestión dos tributos municipais.

O edil tamén quixo adiantar a aprobación “nos próximos meses” da ordenanza fiscal de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, que permitirá regular o servizo de recollida de lixo que verá incrementado en dous terzos o seu coste total por mor da aplicación do canon de Sogama, o que “supón un incremento importante da partida destinada a este fin que vai dos 2,25 millóns de euros en 2024 a case 4 millóns para esto”. Tamén se prevé unha segunda ordenanza que vai regular o imposto de estadías turísticas, a chamada ‘taxa turística’, que suporá ingresos por máis de 2,6 millóns de euros.

O edil tamén defendeu a “eficiencia na xestión e cumprimento das regras fiscais” ao respecto dos ingresos financieiros “xa que a operación de préstamo que se vai solicitar aos bancos é polo mesmo importe que o préstamo que se vai amortizar durante o ano 2025, algo máis de 2,5 millóns de euros, polo que a débeda deste Concello non se vai aumentar”.

Deja un comentario