Friday 21 de February de 2025

O novo proxecto para reurbanizar a contorna das Casas de Franco levarase á Xunta de Goberno Local no mes de marzo


O modificado da intervención, exposto hoxe ás e aos residentes dos bloques, suporá un incremento de 170.000 euros con respecto ás actuacións previstas no proxecto orixinal

O modificado do proxecto para reurbanizar a contorna das Casas de Franco levarase á Xunta de Goberno Local no vindeiro mes de marzo. Así llelo confirmou esta mañá o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, ás e aos representantes veciñais, nunha reunión que tivo lugar esta mañá.

Díaz Gallego fixo fincapé no compromiso do Concello para consensuar coa veciñanza, na medida do posible, as actuacións que se van executar nos espazos lindeiros ás Casas de Franco, a carón da rolda de Outeiro, onde se pensaron, desde un inicio, melloras en termos de ampliación das áreas verdes existentes, os espazos peonís e superficies de lecer.
“Escoitamos as peticións da veciñanza e buscamos darlles un encaixe dentro do proxecto orixinal. Así o fixemos coa práctica totalidade delas, ao incorporalas ao novo proxecto de tal forma que non for preciso que as obras, polos valores e custos que estipula a lei, saísen novamente a concurso”, expuxo o concelleiro, que subliñou que “os traballos volverán a estar en marcha o antes posible”, atendendo a que o modificado do proxecto, por cuestións de normativa e lexislación, debe pasar necesariamente antes pola Xunta de Goberno Local, trámite previo a que a empresa adxudicataria asine o contrato e se reactiven as obras.

Neste sentido, o modificado do proxecto inclúe os espazos de carga e descarga solicitados polas veciñas e veciños e tamén o mantemento dos colectores nos emprazamentos demandados polas persoas residentes. Ademais, o parterre previsto na fronte da rolda de Outeiro non se executará finalmente, e a plataforma de estancia quedará a cota cero, toda vez a compañía de abastecemento eléctrico lle deu o seu visto bo a que así fose.

Coa reformulación do proxecto, as obras para reurbanizar este espazo lindeiro ás Casas de Franco verán incrementado o seu custo en 170.000 euros con respecto á proposta orixinal.

Deja un comentario