Gaba a “perseveranza” dos galardoados e o papel clave dos pais e nais e dos profesores, “os mellores aliados” do alumnado
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou esta tarde a excelencia e a integración como os dous piares nos que se asenta o sistema educativo de Galicia, “dúas ideas que durante moitos anos pensamos contraditorias”, pero que no noso sistema educativo son complementarias subliñou, en alusión aos alumnos que recolleron os premios extraordinarios da ESO.
Durante a súa intervención, o mandatario galego gabou a “perseveranza” dos galardoados, a que cualificou como “a mellor lección” que toda a sociedade galega pode recibir duns rapaces de dezaseis anos. “De momento aínda sodes moi novos, pero xa acadastes logros moi grandes”, destacou. Estes logros materialízanse en vinte galardóns ao rendemento académico e outros tantos ao esforzo e á superación persoal, reflexo da combinación entre excelencia e integración que caracteriza a educación pública de Galicia.
Feijóo tamén quixo ter unhas palabras de agradecemento para os outros dous actores claves do sistema, os pais e nais e os mestres, os que cualificou como “os mellores aliados” dos alumnos. Grazas a eles, o sistema educativo galego está a experimentar unha evolución positiva, como demostra a constante diminución do abandono escolar temperá, que se situou nunha media do 17% durante o 2015, 8,8 puntos menos que en 2009, e que no último trimestre xa se achegou ao 15%, tres puntos por debaixo da media nacional e preto do obxectivo marcado pola Unión Europea.
Compromiso co futuro
Por último, o presidente da Xunta destacou a importancia de que o éxito se poña ao servizo da sociedade, de tal xeito que o estudo dos alumnos sexa unha obriga consigo mesmo e co conxunto do país, máis alá das esixencias dos pais, nais e profesores. “O voso compromiso é un si ao futuro de Galicia”, concluíu.