
Asegura que “merece a pena destinar parte dos beneficios” a estas cuestións
A Xunta aposta por unha atención asistencial personalizada para promover a inclusión, o que permite ofrecer o tratamento e terapia máis axeitado en cada caso
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe “o labor social” e o compromiso con “mellorar a vida das persoas” que realizan moitas empresas galegas ás que agradeceu o seu traballo. “Merece a pena destinar parte dos beneficios ao eido social. Supón devolver un pouco de todo o que reciben as empresas”, indicou.
Durante unha visita a sede da Fundación Aluman Obra Social -pioneira en solucións innovadoras para afectados de doenzas neurolóxicas e neuromusculares- e na que estivo acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, Rueda asegurou que apostar pola responsabilidade social corporativa “tamén é un modo de facer marca Galicia” e permite complementar os servizos ofrecidos polas administracións.
Rueda situou o traballo da Fundación Aluman como exemplo de compromiso, eloxiando algunhas das iniciativas emprendidas pola entidade, que inclúen o primeiro exoesqueleto pediátrico do mundo deseñado expresamente para nenos con doenzas neurolóxicas e neuromusculares. Esta actividade compleméntase tamén con terapias ecuestres e acuáticas para os doentes.
De cara a promover unha inclusión universal para toda a cidadanía, a Xunta aposta polo traballo de atención asistencial personalizada, que permite singularizar o tratamento máis idóneo para cada caso e ofrecer os medios innovadores que mellor se axusten a cada realidade.
A colaboración público-privada entre Administracións e axentes empresariais permite desenvolver e executar iniciativas e estratexias que garantan a accesibilidade universal, promovan a inclusión e melloren a calidade de vida de quen máis o precisa.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.