
A alcaldesa visitou ao alumnado do programa de musicoterapia do CEE Nosa Señora de Lourdes (Aspronaga)
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá xunto ao concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, a sesión do programa de musicoterapia que promove o Concello a través da Fundación Emalcsa no CEE Nosa Señora de Lourdes, Aspronaga. Tamén estiveron presentes Ruben Mateos, director do centro, e Iria Rajal, terapeuta. “Desde o Concello impulsamos este programa para apoiar ao alumnado coruñés con necesidades especiais co obxectivo de potencias as súas capacidades individuais, reforzar a súa autoestima e promover o seu benestar emocional e social”, indicou Rey.
O programa consiste no uso da música como proceso terapéutico, empregando elementos como o son, o ritmo, a melodía e a harmonía, co obxectivo de facilitar e promover a comunicación, a aprendizaxe, a mobilización e expresión, xunto con outros obxectivos terapéuticos relevantes para asistir ás necesidades físicas, psíquicas, sociais e cognitivas.
Na actualidade, o Concello leva a cabo este programa en tres centros de educación especial, cun grande éxito en todos os casos. Ademais de Aspronaga, tamén se realiza no Nosa Señora do Rosario e na Grande Obra de Atocha. “A música ten unha gran capacidade terapéutica e abre moitas posibilidades aos seus usuarios e usuarias”, apuntou Inés Rey tras a visita.
Na actualidade hai un total de 72 alumnas e alumnos participan nos talleres dos tres centros subscritos ao programa. O rango de idade das persoas usuarias varía entre os 3 e os 19 anos, con afeccións moi diferentes entre elas.