
— A delegada visitou unha das vivendas rehabilitadas no marco destas achegas das nove que recibiron axudas no concello de Mazaricos
— Os propietarios e comunidades de veciños interesados nesta convocatoria poden presentar as súas solicitudes ata o 27 de febreiro
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitou unha das vivendas rehabilitadas no Concello de Mazaricos coas axudas do ano pasado destinadas á rehabilitación de vivendas e edificios residenciais nas Áreas de rehabilitación integral (ARI) supramunicipais dos Camiños de Santiago, neste caso concreto no Camiño de Fisterra a Muxía.
A actuación consistiu na substitución da carpintaría exterior da vivenda . Belén do Campo puxo como exemplo do resultado deste programa esta reforma realizada pola propietaria, que obtivo unha axuda de máis case 5.000 euros.
Belén do Campo aproveitou a visita para informar que a convocatoria destas axudas está aberta ata o 27 de febreiro e contan unha partida, este ano, de 1 millón de euros. O ano pasado recibiron estas achegas 9 propietarios do concello de Mazaricos por un importe total que superou os 97.000 euros. No total da provincia repartíronse 32 axudas en 14 municipios por un importe de máis de 365.000 euros.
A delegada resaltou a aposta da Xunta por asentar poboación no rural, creando novos fogares que dean a familias a oportunidade de comezar unha nova etapa vital nas localidades polas que transcorren os diferentes Camiños de Santiago.
No que atinxe ás axudas para ás ARI dos Camiños de Santiago será requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén despois de realizar as obras, para as que previamente debe obterse a cualificación provisional.
Beneficiarios das actuacións
No ámbito desta ARI supramunicipal poderán solicitar a axuda as comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades; as agrupacións de propietarios; e as persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas que xa acadaran a cualificación definitiva outorgada polo IGVS.
A contía das axudas chega ata o 75% do importe subvencionable da actuación. O importe máximo poderá acadar os 12.000€ por vivenda rehabilitada e 30.000€ no caso de construción en substitución doutra previamente demolida.
Por último, Belén do Campo puxo o acento nas medidas en materia de vivenda que está a impulsar a Xunta de Galicia centradas en vilas de pequeno tamaño con outros programas como o de reparación de infravivendas para concellos de menos de 10.000 habitantes; o de Rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal para localidades de menos de 30.000 habitantes ou as axudas á adquisición, cunha modalidade específica, para menores de 36 anos, para beneficiarios en vilas de menos de 10.000 habitantes.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.