
As actividades a desenvolver serán as de flores, manualidades, cestería e coiro.
O Concello de Ponteceso vén de presentar a programación de Envellecemento Activo para o segundo cuadrimestre do ano. Trátase dunha iniciativa dirixida á poboación maior do municipio, coa finalidade de fomentar un estilo de vida saudable e dinámico a través de diversas actividades que se desenvolverán en diferentes parroquias.
Os veciños e veciñas de Ponteceso poderán participar en obradoiros de flores, manualidades, cestería e coiro, adaptados aos seus intereses e necesidades. As sesións realizaranse en distintos espazos municipais, garantindo así unha ampla cobertura territorial e facilitando o acceso á cidadanía.
No caso da Casa do Mar de Corme, ofreceranse clases de flores os xoves de 18:00 a 19:30, mentres que as sesións de manualidades serán os martes de 18:00 a 19:30. En Corme Aldea, os xoves de 16:00 a 18:00, impartiranse clases de cestería, mesma actividade que se desenvolverá no Edificio das Escolas en horario de 18:30 a 20:30. A parroquia de Tella tamén contará cun obradoiro de cestería, os venres de 18:15 a 20:15.
Brantuas terá actividades de flores os xoves de 16:00 a 18:30 e de manualidades os martes de 20:00 a 21:30. En Pazos, os veciños e veciñas poderán asistir ás sesións de flores os martes de 18:00 a 19:30. En Xornes, tamén se impartirá esta actividade os martes de 16:00 a 17:30. Por outra banda, en Anllóns desenvolveranse clases de coiro os luns de 17:30 a 19:30, mentres que en A Campara a mesma actividade terá lugar os xoves de 16:00 a 18:00.
A inscrición para participar nestas actividades está aberta ata o 24 de febreiro ata as 14:00 horas. Poderán realizarse presencialmente no departamento de Educación Familiar ou a través da sede electrónica municipal.
É importante ter en conta que estas actividades están dirixidas a persoas maiores de 60 anos, aínda que, no caso de quedar prazas libres, poderán participar persoas maiores de 55 anos xa inscritas. As actividades darán comezo na primeira semana de marzo e os horarios poderán modificarse segundo as necesidades. Cada actividade require un número mínimo de participantes para a súa realización, e as prazas son limitadas. No caso de ser necesario, as prazas serán adxudicadas por sorteo público, priorizando ás persoas empadroadas no municipio. Este sorteo terá lugar no salón de plenos o mércores, 26 de febreiro, ás 12:00 horas.
A concelleira de Servizos Sociais, Marisé Álvarez, destacou a importancia deste programa para o benestar da veciñanza: “Queremos seguir apostando por un envellecemento activo, no que as persoas maiores poidan socializar, aprender e manterse activas física e mentalmente. Estas actividades son unha oportunidade para fortalecer os lazos comunitarios e mellorar a calidade de vida de todas as persoas participantes”.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Departamento de Servizos Sociais no teléfono 881 983 223 ou visitar a web www.ponteceso.gal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.