Saturday 22 de February de 2025

O Concello tramita a declaración de Festa de Interés Turístico de Alfaroleiros


Os grandes valores de Alfaroleiros, así como a súa crecente dimensión festiva, fan deste evento un senlleiro exemplo de festa que mestura cultura, identidade, etnografía, creatividade e dinamismo económico. Por iso, o Goberno municipal aprobará no próximo pleno o acordo necesario para que a Xunta de Galicia poida realizar a declaración de Festa de Interese Turístico.

Alfaroleiros é un dos eventos culturais máis significativos e relevantes que teñen lugar no municipio. A feira, que avoga pola conservación, mantemento e divulgación do oficio artesanal da olería, está considerada como unha das máis importantes do seu sector a nivel nacional, axudando a promover a cultura galega e a dinamizar o sector artesanal do país.

A súa importancia propicia que cada ano se alce como un dos catalizadores da oferta cultural e turística que ofrece o municipio, posto que contribúe a preservar a identidade e xera durante a súa celebración un innegable impacto sobre a economía local e os fluxos turísticos.

Durante cinco días Santa Cruz convértese nun fervedoiro de xente que busca, non só achegarse á feira a admirar e mercar as pezas dos mellores oleiros tradicionais de España, senón que tamén busca a diversión nos diferentes espectáculos lúdicos que teñen lugar e que se converten nun gran reclamo.

Este evento serve, por tanto, para apoiar un oficio tradicional e ao mesmo tempo potenciar o turismo e o consumo na hostalería e comercio da zona.

En definitiva, Alfaroleiros axuda a promover cultural, turística e economicamente o Concello de Oleiros.

Deja un comentario