
Trátase dun proxecto de Fin de Grao promovido por Ainhoa Prieto, dentro do proxecto EXCORAS desenvolto pola USC, e que conta coa colaboración do Concello de Brión e da EEI dos Ánxeles
Un total de 61 nenos e nenas da Escola de Educación Infantil dos Ánxeles participarán na plantación dun bosque de árbores autóctonas nunha finca municipal na contorna da urbanización do Inxerido, na parroquia dos Ánxeles (Brión). Trátase dunha iniciativa ecolóxica xurdida a través do proxecto de Fin de Grao de Ainhoa Prieto Álvarez, alumna de Dobre Grao en Mestra en Educación Infantil e Primaria.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, mantivo unha reunión de coordinación do proxecto na que tomaron parte a propia Ainhoa Prieto Álvarez; José Luís Garaboa, director da EEI dos Ánxeles; e Afonso Touceda, técnico experto en xardinería e paisaxismo. Un encontro no que o alcalde brionés puxo catro parcelas municipais a disposición do proxecto: dúas a carón da propia EEI dos Ánxeles, outra en Augas Ferras e unha cuarta na contorna da urbanización do Inxerido. Esta última parcela, duns 3.500 metros cadrados, foi finalmente a escollida polas súas características medioambientais.
Ainhoa Prieto explica que o obxectivo deste proxecto é “promover a práctica da actividade física entre as crianzas, que se conciencien da importancia de coidar o medio ambiente e que participen activamente en actividades que teñan un impacto positivo na súa contorna inmediata”. Unha actividade que conxuga dous aspectos fundamentais na formación actual e futura destes nenos e nenas: a protección do medio natural e a promoción dun estilo de vida activo e saudable.
Apoio do Concello de Brión
Unhas características que fixeron que Pablo Lago se amosara moi interesado na posta en marcha deste proxecto, garantindo o total apoio do Concello de Brión non só á hora de poñer a disposición esta parcela municipal, senón tamén ofrecendo a posibilidade de financiar un autobús para levar á rapazada ao viveiro para escoller as especies autóctonas que se plantarán. “Así a rapazada pode ver o proceso dende cero, que sintan que é algo deles porque así o coidarán moito máis”, apuntou o alcalde brionés.
De feito, a participación activa nesta actividade axudará a eses 61 nenos e nenas a entender que pequenas accións, como a de plantar unha árbore ou coidar dun espazo natural, teñen un gran impacto no medio ambiente. Unha actividade na que se fortalecerán valores como a responsabilidade, o traballo en equipo e o respecto pola natureza, entre outras.
Pola súa banda, Afonso Touceda, quen actuou como asesor á hora de escoller o tipo de plantación que se vai acometer, destacou a idoneidade da parcela do Inxerido xa que se trata dunha zona recollida, cun parque próximo e na que se cortaron eucaliptos, que agora serán substituídos por carballos, castiñeiros, árbores froiteiras… Neste sentido, puxo en valor que “é unha zona na que o bosque estará plenamente integrado, porque ten que ser iso: un bosque, non un xardín”. A parcela está emprazada a pouco máis dun quilómetro da escola, o que favorecerá a actividade física do alumnado, e trátase dunha zona pechada ao tráfico, o que incrementa a súa seguridade viaria. A actividade terá lugar a mediados de marzo ou principios de abril.
Esta iniciativa de aprendizaxe-servicio está promovida por Ainhoa Prieto Álvarez, en colaboración co seu titor da Facultade de Educación, Geno Rodríguez Fernández, no marco dun traballo de Fin de Grao que se enmarca dentro do Proxecto EXCORAS, desenvolto polo Grupo de Investigación ESCULCA da Universidade de Santiago de Compostela. Conta coa colaboración do Concello de Brión e da EEI dos Ánxeles.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.