Saturday 22 de February de 2025

Ponteceso amplía a tres os días de celebración do Entroido


 Veciñanza e visitantes poderán gozar dun amplo programa de actividades con música, desfiles, degustacións e moita diversión.

O Concello de Ponteceso xa ten todo preparado para a celebración do Entroido 2025, unha das festas máis esperadas do ano. Como novidade, este ano a celebración estenderase un día, polo que do 2 ao 5 de marzo, veciñanza e visitantes poderán gozar dun amplo programa de actividades cheo de música, desfiles, degustacións e moita diversión.

A programación arranca o domingo 2 de marzo no Pavillón de Ponteceso co XXXI Ponte de Entroido. A partir das 17.00 horas, a comitiva sairá da Praza do Relleno cara ao pavillón (en caso de choiva, suspenderase). Ás 17.30 horas terá lugar o gran desfile, que contará con 3.000 euros en gratificacións (cunha axuda especial de 400 €). O prazo para inscribirse como comparsa e optar ás gratificacións económicas estará aberto ata o 28 de febreiro ás 12.00 horas. As persoas ou grupos interesados poden obter máis información chamando ao teléfono 630 90 71 24 (Cultura). Para poñerlle o broche de ouro á xornada, desde as 19.00 horas haberá animación, inchables e degustacións gastronómicas.
O martes 4 de marzo a festa trasládase ao Pavillón de Corme, onde a partir das 17.30 horas celebrarase un Baile de Disfraces. Ademais, haberá inchables, desfile, obradoiros, animación e degustacións para que todas as idades poidan desfrutar da xornada.

O mércores 5 de marzo porase o punto e final ao Entroido no Edificio das Escolas cunha programación pensada especialmente para as familias. Ás 17.00 horas comezará un obradoiro de caretas e ás 18.30 horas terá lugar a representación teatral “Vicky e a felicidade”, unha proposta pensada para o público familiar.

A concelleira de Cultura, Raquel Fondo, destacou a importancia do Entroido como unha das festas con máis tradición no municipio. “Queremos que toda a veciñanza e visitantes gocen dun Entroido único, con actividades para todos os públicos e un ambiente festivo inigualable. Animamos a toda a xente a participar nos desfiles e a desfrutar desta gran celebración”, sinalou.

Deja un comentario