Aprenderon técnicas de persecución, control e derrubamento, defensa contra golpes e armas, identificación e cacheos ou a colocación de grillóns, lazos e bridas
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, clausurou hoxe o curso “Actuación técnica en intervención operativa policial”, no que participaron máis de 80 profesionais da seguridade privada, especialmente gardapescas e gardas particulares de campo.
O director xeral estivo acompañado do coronel xefe da comandancia da Guardia Civil de Pontevedra, Miguel Estevez Lara, xa que o curso é froito da colaboración entre a Xunta e a Benemérita, cuxos axentes exerceron tamén como docentes.
O curso desenvolveuse nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada, tivo unha duración de 15 horas e foi eminentemente práctico. Entre os seus contidos as técnicas de persecución, control e derrubamento, defensa contra golpes e armas, identificación e cacheos ou a colocación de grillóns, lazos e bridas.
A formación fíxose a demanda do propio sector, co obxectivo de garantir a súa seguridade persoal no desenvolvemento das súas funcións. Ademais, inicia a formación deste ano para o persoal de seguridade privada por parte da Academia, ampliando así a súa formación e englobando todos os aspectos relacionados coa seguridade tanto publica como privada.