Saturday 22 de February de 2025

O Concello inicia os traballos de acondicionamento no Parque de Oza coa restauración de camiños de terra


Os traballos, que terán unha duración estimada de entre dúas e tres semanas, centraranse na renovación de 160 metros lineais de camiño

O Concello da Coruña iniciou esta mañá traballos de acondicionamento do Parque de Oza, co obxectivo de garantir a seguridade e o bo estado dun dos espazos verdes máis emblemáticos e utilizados da cidade. En concreto, o Goberno de Inés Rey actuará nos camiños de terra, reparando os puntos que presentan un maior deterioro derivado da climatoloxía e a propia orografía do parque.

A intervención consiste en levantar o material existente e repoñelo, asegurando unha superficie nivelada e en bo estado. “Estes camiños tenden a desgastarse debido ás condicións meteorolóxicas, polo que a súa reparación mellorará tanto a accesibilidade como a seguridade para todas as persoas usuarias do parque” explicou Noemí Díaz, concelleira de Mobilidade e Infraestruturas.

Os traballos, que terán unha duración estimada de entre dúas e tres semanas, centraranse na renovación duns 160 metros lineais de camiño, especialmente nas zonas con maior pendente, onde a erosión provocada pola chuvia e o paso do tempo provocou socavóns e desniveis.
“Reafirmamos así o noso compromiso coas zonas verdes da cidade, actuando para o seu mantemento e conservación para que espazos como o Parque de Oza continúen sendo puntos de encontro e lecer dos nosos veciños e veciñas” sinalou Díaz.

Deja un comentario