Saturday 22 de February de 2025

O executivo local aproba o proxecto de orzamentos municipais para o 2025


A Xunta de Goberno deu luz verde esta mañá ao proxecto de orzamentos municipais para este ano que ascende a máis de 146 millóns de euros, un 2,60% de incremento con respecto ao exercicio anterior. Esta proposta, que terá que ser sometida ao Pleno para a súa aprobación inicial, foi froito dun acordo asinado o pasado 14 de xaneiro polos grupos que conforman o goberno de Santiago, BNG e Compostela Aberta, co grupo municipal socialista.

A voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao, recordou na rolda de prensa desta mañá que se trata dun “orzamento equilibrado” que ascende a 146.129.089,50 euros, unha cifra “que supón un 2,60% de incremento a respecto do exercicio anterior”. Tamén detallou que o gasto corrente situarase nos 130 millóns de euros e os investimentos reais estarían en torno aos 13 millóns. “Prevese unha operación de crédito por importe de 2.517.539,82, con efecto neutro no endebedamento municipal”, detallou a concelleira.

Esta proposta pasará agora pola Comisión Informativa de Facenda esta semana de cara á súa inclusión nunha sesión plenaria extraordinaria que terá lugar previsiblemente a final do mes de febreiro.

Cinco eixes

O proxecto de orzamentos aprobados esta mañá, estrutúrase en cinco eixes: o social, as políticas de vivenda, a mellora do espazo público e das infraestruturas; un cuarto eixe de equipamentos e o quinto de sustentabilidade ambiental.

No primeiro eixe, mantéñense os recursos para atención aos colectivos máis vulnerables, apostando por servizo de axuda no fogar, bolsas de comedores, axudas para libros e actividades extraescolares, conciliación ou axudas a entidades sociais, entre outras.

No segundo, destacan as políticas de vivenda. Así, a proposta de orzamentos recolle para este obxectivo máis de 4 millóns de euros, o máis importante dos investimentos.

En canto ao coidado do espazo público, destaca o compromiso co rural, con novas cantidades para o mantemento de vías e a dotación de saneamento e abastecemento que se completarán coas achegas doutras administracións, así como partidas dedicadas ao mantemento e mellora das vías e instalacións urbanas.

No cuarto dos ámbitos sobre o que pivotan os orzamentos, atópanse as instalacións deportivas como o Vero Boquere e o Pavillón de Lamas Abade ou Santa Marta, a cociña central para o novo modelo de comedores escolaresou a rehabilitación da Casa das Persoas Maiores. Tamén se prevén partidas para arranxos en centros escolares, para o parque de bombeiros e para a redacción do proxecto do novo centro para a mocidade.

En quinto lugar, no que ten que ver coa sustentabilidade ambiental, os orzamentos recollen partidas para continuar impulsando a diminución da pegada de carbono, apostando pola compostación da materia orgánica, a renaturalización de espazos e o tratamento adecuado do ciclo da auga.

Deja un comentario