Saturday 22 de February de 2025

O Concello abre o prazo de inscrición na IV Carreira e andaina pola igualdade organizada con motivo do 8M


O edil de Deportes, Ibán Santalla, informou da apertura do prazo de inscrición na cuarta edición da Carreira e andaina pola Igualdade, que se celebrará o vindeiro 9 de marzo na cidade. A convocatoria, organízase no marco dos actos do 8M, Día Internacional da Muller, e levarase a cabo en horario de mañá, con saída e meta nas inmediacións do complexo polideportivo municipal da Gándara. A proba ten un límite de 500 participantes para a categoría absoluta; 400 para a andaina e 400 nas categorías de menores.
As categorías de menores son as de prebenxamín -100 metros, para nados en 2018 e posteriores-; benxamín/a-sub10 -500 metros, para nados en 2016 e 2017- e alevín-sub12 -1.000 metros, para nados en 2014-2015-; a de infantil-sub14 -1.000 metros, para nados en 2012-2013- e sub-16 -2.000 metros, para nados en 2010-2011- e a de sub-18 -2.000 metros, para nados en 2008-2009-. As saídas de todas elas serán dende as 10:00 horas aproximadamente da sub-18 ata as 10:45 horas, da de prebenxamín, de xeito paulatino.
En canto á absoluta, os participantes realizarán un percorrido de 5.000 metros –nados de 2007 en adiante- e partirán ás 11:00 horas. Hai tamén modalidades de cadeira de rodas, handbike, para invidentes e para persoas con discapacidade intelectual.
A andaina, cun percorrido de 4.500 metros, partirá ás 11:05 horas, segundo as previsións e ao remate da mesma procederase á entrega de premios. A organización premiará nas categorías absolutas ás tres primeiras mulleres e aos tres primeiros homes, ao igual que nas categorías non oficiais. Tamén se entregará un premio á participante feminina de maior idade que remate a carreira. Nas categorías de menores entregaranse medallas a todos os participantes.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 5 de marzo –ás 23:59 horas- na web: www.carrreirasgalegas.com, debendo abonar 4 euros para as categorías absolutas e a andaina, sendo de balde para os menores en ambas opcións.

Deja un comentario