Saturday 22 de February de 2025

O Concello solicitará o recoñecemento como Lugar de Memoria Democrática para a Casa Museo Casares Quiroga


O concelleiro Gonzalo Castro anunciouno durante a mesa redonda que conmemora o 75 aniversario do pasamento do político coruñés

O Concello da Coruña solicitará ao Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática a inclusión da Casa Museo Casares Quiroga no inventario de Lugares de Memoria Democrática. Deste xeito, este espazo municipal situado na rúa de Panadeiras converteríase no primeiro de Galicia en integrarse nesta listaxe nacional, que ten como obxectivo agrupar os lugares nos que se desenvolveron feitos de singular relevancia para a memoria democrática.

Esta solicitude formal foi anunciada polo concelleiro de Cultura e Turismo, e responsable da área de Memoria Democrática do Concello, Gonzalo Castro, durante a súa intervención de presentación da mesa redonda que se celebrou esta tarde na Casa Museo Casares Quiroga e serviu para conmemorar o 75 aniversario do pasamento do político coruñés. Baixo o nome ’75 anos despois. Revisitando a Casares Quiroga. Mito e realidade histórica’, o Instituto de Estudios Coruñeses José Cornide organizou un coloquio no que participaron os historiadores Emilio Grandío e Xosé Alfeirán, e a directora do Instituto, Ana Romero. O Instituto José Cornide será o organismo encargado da realización dos estudos e informes históricos necesarios para fundamentar a solicitude de Lugar de Memoria Democrática.
“Desde o Goberno de Inés Rey queremos impulsar na Coruña os espazos vinculados coa memoria democrática, facendo parte do proceso ás entidades que afondan na lembranza e no fortalecemento dos valores democráticos”, indicou Gonzalo Castro. “A inclusión desta Casa Museo será o primeiro paso para poñer en valor o importante papel da nosa cidade nadefensa das liberdades e dereitos do conxunto da sociedade”, engadiu o concelleiro ante o público asistente.

O acto celebrado esta tarde na Casa Museo Casares Quiroga lembrou a figura do político republicano coruñés, que faleceu o 17 de febreiro de 1950 en París, no exilio. Entre as cuestións que se expuxeron no acto estivo a construción da persoalidade de Casares Quiroga no contexto coruñés no que se desenvolveu, o seu traballo e loita desde o exilio así como a súa repercusión posterior na loita contra a ditadura.

Lugar de Memoria Democrática

Segundo recolle o Goberno, un Lugar de Memoria Democrática é aquel espazo, inmoble, paraxe ou patrimonio cultural inmaterial ou intanxible no que se desenvolveron feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva, vinculados á memoria democrática, a loita da cidadanía española polos seus dereitos e liberdades, a memoria das mulleres, así como coa represión e violencia sobre a poboación como consecuencia da resistencia ao golpe de estado de xullo de 1936, a Guerra, a Ditadura, o exilio e a loita pola recuperación e profundización dos valores democráticos.

Deja un comentario