A titular de Igualdade, Susana López Abella, participou na mesa redonda “Políticas públicas sobre prostitución en relación aos medios”, organizada pola USC
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe a implicación do Goberno galego na loita contra a trata e a prostitución, un labor que realiza a través de accións formativas, campañas de sensibilización e a colaboración constante con outras administracións e organizacións.
López Abella participou esta mañá na mesa redonda “Políticas públicas sobre prostitución en relación aos medios”, que estivo organizada pola Facultade de Ciencias de Comunicación, e na que tamén participaron a vicepresidente da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e as profesoras da USC e a UAB, Belén Puñal e Marta Corcoy.
Segundo lembrou a secretaria en novembro de 2014 constituíuse a Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista, no seo do Observatorio Galego da Violencia de Xénero. Esta comisión ten como obxectivo asesorar e orientar as entidades, asociacións e axentes publicitarios que o requiran, ofrecendo criterios alternativos para eliminar o sexismo nas mensaxes publicitarias e incorporar accións positivas que cooperen á erradicación de calquera discriminación por razón do sexo.
Ademais, a Xunta publica todos os 18 de outubro, Día Europeo contra a trata de persoas con fins de explotación sexual, unha declaración institucional en contra deste importante problema e realiza unha campaña de concienciación e sensibilización. O ano pasado o lema da campaña foi “As súas vidas non teñen prezo”.
Formación en comunicación e publicidade non sexista
No relativo á formación, a secretaria xeral destacou dous fitos: a xornada técnica “O tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación e a publicidade non sexista” e o curso “Igualdade e tratamento mediático da violencia de xénero”.
A xornada organizouse o 15 de decembro de 2014 en colaboración coa Secretaría Xeral de Medios da Xunta e contou con dúas mesas redondas e un coloquio final no que se abordou a necesidade de desterrar mitos e estereotipos e incorporar técnicas xornalísticas para un correcto tratamento informativo.
Como complemento, a Secretaría Xeral de Medios elaborou e difundiu a “Guía de Boas Prácticas” para dotar aos/ás profesionais da comunicación dunha ferramenta de axuda e orientación á hora de enfrontar o tratamento informativo sobre a violencia de xénero. Nesta guía ofrécense tamén unhas recomendacións ou pautas a seguir para abordar a igualdade de xénero na publicidade, identificando e evitando, no posible, a publicidade sexista.
Doutra banda, o 22 de abril do ano pasado celebrouse o curso “Igualdade e tratamento mediático da violencia de xénero”, dirixido a todos os profesionais da comunicación e da publicidade. Neste curso, abordáronse aspectos como o tratamento da Igualdade e a violencia de xénero nos medios de comunicación, outros modelos de masculinidade, o sexismo na publicidade, conciliación e corresponsabilidade, a trata de seres humanos, a violencia de xénero en colectivos especialmente vulnerables e o tratamento da violencia de xénero no cine.
Relacionado co tratamento da igualdade e da loita contra a violencia de xénero nos medios de comunicación, Susana López Abella lembrou que foi o actual Goberno da Xunta o que convocou por primeira vez o concurso Comunicar en Igualdade. A galardoada foi xornalista Iolanda Fernández Casal, polo seu artigo “Working girls”, publicado en El Correo Gallego.
Colaboración institucional na loita contra a trata
En último lugar a titular de Igualdade referiuse á colaboración institucional na loita contra a trata e comezou lembrando que no ano 2010 Galicia foi a primeira Comunidade en asinar un Protocolo de actuación institucional sobre adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual. Os asinantes foron o propio Presidente da Xunta e o Fiscal Superior de Galicia.
Dende a firma deste protocolo, o departamento que dirixe López Abella colabora coas entidades que se encargan de realizar programas de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e/ou trata con fins de explotación sexual. Nos últimos seis anos, a Xunta achegou máis de dous millóns de euros a estas entidades, grazas aos que se puxeron atender a 27.400 persoas. Ademais, para exemplificar o seu apoio, o Goberno galego concedeu a Medalla Castelao 2015 á Rede Galega contra a Trata.
Para finalizar, a secretaria xeral quixo poñer en valor o traballo galego na loita contra a trata e a prostitución lembrando o proxecto europeo ITINERIS, no que Galicia foi a única Comunidade Autónoma de España que participou, neste caso en colaboración cos gobernos de Brasil e Portugal.