
A través desta iniciativa, o Goberno de Inés Rey busca reforzar o seu apoio ás asociacións e entidades que representan a cultura tradicional e popular
O Concello da Coruña abre este mércores, 19 de febreiro, a convocatoria do Plan de apoio ás entidades musicais locais de cara a este ano 2025. As bases poderán ser consultadas a partir de mañá na páxina web municipal e a contía destinada ás entidades pasa de 200.000 a 250.000 euros nesta edición.
“Por medio desta iniciativa, o Goberno de Inés Rey busca reforzar o seu apoio ás asociacións que representan a cultura tradicional e popular”, indicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. O plan busca contribuír á difusión da oferta musical das entidades sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade cultural na cidade, cun grao de implementación social representativo e cunha formulación musical e de baile.
“As asociacións que visibilizan a cultura tradicional da Coruña e os seus barrios son fundamentais á hora de trazar a nosa identidade. Por iso, o noso obxectivo é poñelas en valor e fomentar a súa presenza na programación anual de eventos culturais na cidade, cunha perspectiva de continuidade”, expuxo a alcaldesa, Inés Rey. Neste sentido, a rexedora puxo como exemplo a Romaría de Santa Margarida, que se organiza cada ano durante o mes de agosto, ao abeiro das Festas de María Pita.
A este respecto, a dotación prevista polo Concello de cara á convocatoria de axudas deste ano é de 250.000 euros, acadando a súa maior contía nesta convocatoria. O prazo para presentar as solicitudes abrirase este mércores e haberá un total de quince días naturais para que as asociacións e entidades interesadas presenten a súa documentación.
As solicitudes poderán presentarse, preferentemente, por vía telemática. Será a través da sede electrónica, dirixindo a solicitude ao Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). Admitiranse tamén solicitudes presenciais no Rexistro administrativo do IMCE (avenida da Marina, 18), previa cita no teléfono 981 184 233 ou a través desta ligazón.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.