
A festa organizada polo departamento de Cultura celebrarase na Praza Ramón Díaz Raña na tarde-noite do venres 28 de febreiro
O Concello celebrará o próximo 28 de febreiro a festa do Entroido. Será nunha grande carpa instalada na praza Ramón Díaz Raña e con dúas sesións, unha á tardiña para rapazada e público familiar e outra á noite para persoas adultas, aínda que nela poderá participar quen queira, independentemente da idade. Como vén ocorrendo nos últimos anos, o departamento de Cultura organiza un concurso de disfraces que premiará as mellores máscaras individuais ou que veñan en parellas, grupos e comparsas. Para optar aos premios das distintas categorías será necesario anotarse antes enviando cuberto este formulario ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou rexistrándoo na Sede Electrónica.
A festa para as nenas e nenos desenvolverase entre as 18:30 e as 20:00h e contará coa animación musical da agrupación tradicional Silbarda (A Capela). Entre a cativería de ata os 11 anos entregaranse seis premios: dous en infantil individual, outros dous para parellas e, por último, dous galardóns para a categoría familiar, que deberá estar integrada por un mínimo de tres persoas da mesma unidade familiar.
Os premios, iguais para primeiro e segundo, consistirán en cheques canxeables na libraría Brétema por valor de 35 € en individual e de 70€ nos apartados de parellas e familiar.
Na festa da noite, que comezará ás 21:00h, entregaranse sete premios, canxeables neste caso nos restaurantes do municipio: dous vales de 35€ en xuvenil individual, dous polo mesmo importe no apartado de persoas adultas que participen individualmente, outros dous premios de 120€ cada un para grupos de ata 8 persoas e, por último, un vale de 280€ para a mellor comparsa, que deberá contar con máis de 8 integrantes e animación musical.
San Sadurniño distribuirá, polo tanto, máis de 1.000 euros en vales canxeables durante a tarde-noite do venres 28 de febreiro. Unha velada que, ademais, contará con cantina, con bandexas de orellas de balde e, como remate, coa actuación do picadiscos local DJ Sebas.
As inscricións anticipadas poderán formalizarse até o 27 de febreiro na Casa da Cultura, no correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou rexistrando a folla de solicitude na Sede Electrónica. Tamén se poderán anotar o mesmo día ata as 18:30h na carpa instalada na Praza Ramón Díaz Raña.
Ao día seguinte, sábado 1 de marzo, a Casa da Cultura encherase cos “Monstros no Camiño” de Teatro Ghazafelhos. A representación, para público familiar, está posta para as 11:30h con entrada gratuíta, que deberá reservarse no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal. O espectáculo chega a San Sadurniño da man do programa Dinamiz-ARTJ do Instituto para a Transición Xusta.
Cómpre recordar, por último, que o día 8 de marzo terá lugar no local social da Veiga o Entroido da AVV O Castelo de Narahío: ás 17:00h para a cativería con LaGuaGua e ás 22:30 con Patry Prados animando o baile de máscaras para maiores. Pola súa banda, a AVV Xuntanza de Lamas tamén organizará o sábado 15 un cocido de carnaval no que cumprirá anotarse antes do día 10 chamando ao 618 838 760 ou 664 203 738.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.