
No día de hoxe o Concello de Ribeira presentou as actividades que se van a desenvolver para conmemorar a efeméride do Día de Rosalía de Castro. Á presentación acudiron, o rexedor, Luís Pérez, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla e a técnica de Normalización Lingüística, Alicia Padín.
Padín explicou que “o Día de Rosalía é o día 23 de febreiro pero imos celebralo durante toda a semana facendo diferentes actividades sendo unha parte moi importante dirixidas ao sector educativo” salientou a técnica de Normalización Lingüística.
O alcalde, Luís Pérez Barral debullou polo miúdo os seis eventos programados para o Día de Rosalía: “temos actividades para todos os públicos xa que para rapaces e rapazas teremos un obradoiro de narración oral, un recital poético e un obradoiro de pandeireta; para a mocidade haberá un concerto e para as persoas adultas regalaremos flores e libros o día 21 ou degustaremos un caldo de gloria o domingo 23 de febreiro”.
Pérez Barral resaltou a colaboración xunto coa Fundación Rosalía nun par de actividades especiais “un acto institucional na mañá do día 19 ás 12.30 h da mañá, na Casa da Xuventude onde se fará a plantación da “Figueira de Rosalía” que doa a Fundación Rosalía de Castro. Neste evento tamén estará o seu presidente, Anxo Angueira, para afianzar ese irmandamento entre o Concello de Ribeira e a Fundación Rosalía de Castro”. Outra colaboración será a degustación do Caldo de Gloria o domingo 23 nos diferentes establecementos de hostalería de Ribeira a quen o rexedor agradeceu a súa colaboración “por promocionar un día tan importante como é o de Rosalía de Castro”.
O rexedor falou da necesidade de poñer en valor a nosa lingua “sobre todo nun momento onde o datos estadísticos están demostrando que se deben aprobar medidas que fomenten o uso da lingua galega e fomenten a transmisión xeracional por parte de pais e nais a fillos e fillas” e engadiu “queremos potenciar o uso do galego en tódolos ámbitos e dende o Concello de Ribeira estamos traballando firmemente para que a lingua galega sexa unha lingua de
uso habitual. Neste sentido informou de que dende o Servizo de Normalización Lingüística trabállase para que calquera persoa independentemente da súa condición e da súa nacionalidade poda vivir integramente en lingua galega”.
Programación
Día de Rosalía de Castro en Ribeira. 2025
“Miña terra, miña terra, terra onde m’eu criei, hortiñas que quero tanto, figueiriñas que prantei”. Cantares gallegos, 1863.
Acto de plantación da “Figueira de Rosalía de Castro”
Fundación Rosalía de Castro e Concello de Ribeira.
Coa participación do gaiteiro Alberto Millán
Data: 19/02/2025, mércores
Hora: 12.30 h
Lugar: Exterior da Casa da Xuventude (Avda. da Constitución)
Pre-estrea. “Axudádeme a cantar” de Felisa Segade e Montse Rivera (A partir de “Agora que vén a noite” de Marcos Calveiro)
Data: 18/02/2025, martes
Hora: 11.00 h
Lugar: Auditorio Municipal
Dirixida a público de ensino secundario.
Día de Rosalía. “Os cantares de Rosalía” con María Faltri Concerto e recital na honra de Rosalía
Data: 20/02/2025, xoves
Hora: 11.00 h
Lugar: Auditorio Municipal
Dirixida a público de ensino primario.
“Dempóis que sí me dixeches, en proba de teu amor, décheme un caraveliño que gardín no corazón.” Cantares gallegos, 1863.
Día de Rosalía na Biblioteca Municipal de Ribeira
Data: 21/02/2025, venres
Horario: de 9 a 14.00 h e de 16.00 a 21.00 h
Lugar: Biblioteca Municipal de Ribeira
As persoas usuarias da biblioteca poderán achegarse á obra de Rosalía e levarán un caravel para a súa honra e recordo.
“Rosalía Cantareira” de Jara Ortiz
Obradoiro de pandeireta e espectáculo de narración oral para nenos e nenas de 3 a 12 anos e as súas familias.
Data: 22/02/2025, sábado
Hora: 12.00 h
Lugar: Centro Cultural Lustres Rivas
Caldo de Gloria. Día de Rosalía
Data: 23/02/2025, domingo
Os establecementos hostaleiros de Ribeira convidan a súa clientela ao caldo de Gloria na honra de Rosalía.
Cocoluche; Tagen Ata; Castelao; A Recoveira; Plaza; Pedra Pateira; D’vicio; Central
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.