Friday 22 de November de 2024

O 061 recibiu, nos 20 anos que leva funcionando, preto de 18.300.000 chamadas e atendeu a máis de 6.800.000 persoas


Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no acto de conmemoración do XX aniversario de este organismo

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu no Edificio Administrativo do Sergas, o acto de conmemoración do XX Aniversario da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Ao longo destes vinte anos recibíronse, no 061, case que 18.300.000 chamadas e atendéronse a máis de 6.800.000 persoas. Como exemplo da magnitude do labor desta institución, o conselleiro destacou que, no ano 2015, rexistráronse un promedio de máis de 3.400 chamadas ao día, e atendéronse máis de 1.000 pacientes, tamén ao día. Iso son moitas vidas salvadas, moitas secuelas graves evitadas e moitas familias galegas agradecidas co voso traballo, díxolle o conselleiro aos profesionais do 061.

A función do 061 é das máis relevantes entre as que debe afrontar un sistema sanitario moderno. A atención urxente á cidadanía de Galicia, alá onde se atope, no menor tempo posible e cos medios máis axeitados. Un auténtico desafío para calquera sistema sanitario e, por suposto, tamén para o Sergas, remarcou Vázquez Almuiña.

O labor dos profesionais do 061 vai moito máis aló do feito de chegar con celeridade ao lugar onde se produce unha urxencia ou emerxencia, hai, tamén, servizos complementarios como a atención telefónica, a vixilancia epidemiolóxica, a docencia ou a investigación.

Obsérvase no 061, -proseguiu o conselleiro-, unha aposta decidida pola innovación, pola formación con métodos de capacitación e desenvolvemento profesional, cunha achega clara ao fomento da investigación no campo das emerxencias prehospitalarias e adaptación ás novas tecnoloxías. Todo iso leva ao 061 de Galicia a estar na primeira liña de traballo a nivel estatal en modernización, aínda que, como sempre, cun único obxectivo, que non é outro que ofrecer a todas e todos os galegos os recursos máis axeitados ás súas necesidades no mellor tempo posible.

Segundo o conselleiro, podemos sentirnos moi orgullosos do 061 e, en xeral, do noso sistema público de saúde. Estamos a falar de valores como a coordinación, a axilidade, a seguridade do paciente, a innovación tecnolóxica, a formación, a mellora continua, a humanización do servizo e o traballo en equipo. Por tanto, se botades a mirada cara atrás, -remarcou-, a estes vinte anos, podedes sentirvos satisfeitos do deber cumprido.

O 061 é unha organización comprometida coa nosa sociedade, tendo como fin último acadar a excelencia e mellorar a saúde e a calidade de vida da cidadanía galega. Soluciona problemas moi importantes en momentos difíciles da vida das persoas. Ao respecto, o titular da carteira sanitaria destacou o labor realizado polos profesionais do 061 no accidente de tren de Angrois. Ese día, estes profesionais amosaron a súa excelencia e sacrificio, a súa capacidade de resposta e o seu bo facer.

Salientou, así mesmo, o considerable incremento de persoal do 061 nestes anos, que pasou de 12 profesionais no seu inicio aos 217 da actualidade.

Simulacro
No acto de hoxe tivo lugar, así mesmo, diante da explanada da Consellería de Sanidade, un simulacro de accidente de tres vehículos coa participación de varias ambulancias, bombeiros e policía local, e a instalación dun hospital de campaña. Neste simulacro participaron un total de 40 persoas, entre profesionais e voluntarios, e tivo unha duración aproximada de 40 minutos.

Con posterioridade, no salón de actos do Sergas, tivo lugar unha mesa redonda sobre os 20 anos do 061, na que participou o que fora conselleiro de Sanidade da Xunta entre os anos 1991 e 1996, e actual presidente do Consejo de Estado, José Manuel Romay Beccaría; o actual presidente do colexio de médicos da Coruña e ex director xeral de Atención Primaria da Consellería de Sanidade, Luciano Vidán Martínez; e o actual director do 061, José Antonio Iglesias Vázquez.