Saturday 22 de February de 2025

Carballo celebra o Día de Rosalía de Castro con visitas escolares guiadas ao xardín dedicado á escritora


Arredor do Día de Rosalía, o grupo musical Raiceira realiza actividades co alumnado dos colexios participantes

Rosalía de Castro ten unha presenza permanente no noso concello a través do rueiro e, desde o ano 2023, dun fermoso xardín situado na beira do río Anllóns. E este xardín convértese de novo no escenario do actos do Día de Rosalía, que en Carballo se están a celebrar ao longo desta semana.

O obxectivo é poñer en valor a figura de Rosalía de Castro desde un punto de vista teórico e artístico, implicando o alumnado de cuarto curso de Primaria nunha serie de actividades nas que contaremos coa participación do grupo musical Raiceira, formado por xente moza que non só ten inquedanza pola difusión da nosa música tradicional, senón tamén da lingua e da cultura galegas.

En total participan na actividade 360 nenos e nenas dos colexios A Cristina, Nétoma-Razo, Xesús San Luís Romero, Bergantiños, Canosa-Rus e Fogar. Hoxe achegouse tamén o alcalde, Evencio Ferrero, coincidindo coa visita do San Luís Romero.

Con Marta Álvarez (voz e percusión), Hadrián García (voz e clarinete) e Adrián Méndez (gaita), os nenos e nenas realizan unha visita guiada de 45 minutos de duración, aproximadamente, polo Xardín de Rosalía. Nunha primeira parte desenvólvense actividades que lles permiten achegarse á vida e á obra de Rosalía de Castro dun xeito lúdico, e nunha segunda parte, centrada na dinamización musical, interpretan os poemas O moucho e Adeus ríos, adeus fontes. Para a preparación previa da actividade enviouse a cada centro o material didáctico correspondente.

Esta proposta, impulsada desde a Concellaría de Normalización Lingüística, compleméntase coas actividades que se desenvolven nos propios centros educativos.

Deja un comentario