Saturday 22 de February de 2025

A Xunta impulsa a través do ISSGA unha acción formativa orientada a mellorar a investigación e a abordaxe das enfermidades profesionais


— O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) desenvolverá un curso especializado neste ámbito entre os días 18 e 20 de febreiro na Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

— A finalidade é poder proporcionarlles aos profesionais ferramentas que lles permitan mellorar a súa capacidade para identificar e analizar as causas das enfermidades profesionais, contribuíndo así á mellora da prevención no ámbito laboral

— O programa será impartido por profesionais docentes de recoñecido prestixio no ámbito da medicina do traballo, pertencentes a entidades homólogas ao Issga en Aragón, Valencia, Illas Baleares, Andalucía, Asturias e Castela e León

— O curso alíñase cos obxectivos establecidos na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, na que as enfermidades profesionais se manteñen como unha prioridade

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, organiza un curso sobre a investigación de casos de enfermidades profesionais que se desenvolverá entre os días 18 e 20 de febreiro na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), con sede en Santiago.

Trátase dunha acción de formación interna, dirixida ao persoal técnico e aos especialistas en medicina e enfermería do traballo do Issga e aberto tamén á inspección médica da Consellería de Sanidade e do INSS, á Inspección de Traballo e Seguridade Social e aos gabinetes de seguridade e saúde no traballo dos diferentes axentes sociais. A finalidade é poder proporcionarlles a estes profesionais as ferramentas que lles permitan mellorar a súa capacidade para identificar e analizar as causas das enfermidades profesionais, contribuíndo así á mellora da prevención no ámbito laboral.

A realización deste curso enmárcase no compromiso do Issga coa mellora da competencia na investigación de enfermidades profesionais. Neste senso, a acción formativa foi promovida polo Grupo de Traballo de Enfermidades Profesionais, integrado por expertos dos Institutos e Órganos Técnicos de Seguridade e Saúde no Traballo de distintas Comunidades Autónomas, entre as que se inclúe o Issga, xunto ao Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.

Cara a unha mellor abordaxe das enfermidades profesionais
O programa formativo toma como base o procedemento de Investigación de casos de enfermidades profesionais do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo. Distribuído en sete unidades temáticas e seis casos prácticos, será impartido por profesionais docentes de recoñecido prestixio no ámbito da medicina do traballo, pertencentes a entidades homólogas ao Issga no resto de España, como Aragón, Valencia, Illas Baleares, Andalucía, Asturias e Castela e León.

Entre os seus principais obxectivos, están coñecer a xestión administrativa, sanitaria e preventiva dos casos de enfermidade profesional, comprender as funcións das diferentes administracións públicas neste ámbito, familiarizarse coas finalidades das mutuas colaboradoras coa Seguridade Social na xestión de prestacións económicas e asistencia sanitaria, mellorar os procedementos de investigación de enfermidades profesionais causadas por axentes químicos, biolóxicos, físicos e factores ergonómicos e, por ultimo, afondar en como afrontar situacións epidemiolóxicas especiais, como o estudo de agregados de casos.
Estratexias de seguridade e saúde no traballo
O curso alíñase cos obxectivos establecidos na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, así como no propio plan anual de traballo do Issga para 2025, onde as enfermidades profesionais se manteñen como unha prioridade, xunto con outros danos laborais como os trastornos musculoesqueléticos.

Así, un dos obxectivos da estratexia é contribuír a mellorar a calidade das actuacións preventivas para reducir as enfermidades profesionais e outras enfermidades laborais, impulsando a investigación e colaboración a nivel nacional para a implantación de procedementos comúns e harmonización de datos que permitan un mellor coñecemento sobre estes danos para a saúde e deste xeito unha abordaxe preventiva máis eficaz.

Este enfoque tamén está presente na Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027, así como no marco estratéxico de seguridade e saúde no traballo 2021-2027 da Comisión Europea, que subliña a necesidade de abordar os rápidos cambios na economía e os patróns de traballo para mellorar a seguridade e saúde da poboación traballadora.

Deja un comentario