Wednesday 19 de February de 2025

A Xunta reforza a colaboración co concello de Ferrol para seguir impulsando a xeración de emprego e favorecendo o emprendemento na comarca


— Na xuntanza abordáronse posibles vías de cooperación institucional para potenciar as oportunidades laborais no municipio e fortalecer o tecido comercial ferrolán, un sector prioritario para a economía local e a vertebración e dinamización do territorio

— Tamén se trataron os avances da futura Oficina de Emprego de Ferrol Centro, cuxo seguinte paso será a licitación este ano da redacción do proxecto de obra para a adecuación das instalacións nas Galería Ferrol ás necesidades operativas

— Na actualidade, o municipio está a desenvolver proxectos apoiados pola Xunta a prol da empregabilidade, como o Programa Integrado de Emprego ou o obradoiro dual ‘Lavadoiros de Ferrol’

— Así mesmo, destaca o labor de dinamización do Polo de emprendemento situado no concello, que leva atendido desde a súa posta en marcha 540 proxectos, un 63 % deles promovidos por mulleres

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, co obxectivo de afondar na colaboración institucional en materia de emprego e emprendemento.

Así, na xuntanza abordáronse posibles vías de cooperación entre ambas administracións para reforzar a xeración de emprego e o impulso das oportunidades laborais no municipio, así como para apoiar e fortalecer o tecido comercial ferrolán, un sector prioritario para a economía local e a vertebración e dinamización do territorio.

Así mesmo, na reunión tamén se trataron os avances da futura Oficina de Emprego e do Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) de Ferrol Centro, que estará situada nas Galerías Ferrol —tras un investimento da Xunta para a súa adquisición de 309.000 euros—. A este respecto, na reunión púxose de relevo que o seguinte paso será a licitación este ano da redacción do proxecto de obra para a adecuación das instalacións ás necesidades operativas. A través desta actuación, ennmarcada no proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia, contribuirase a dinamizar esta zona comercial da cidade ademais de seguir reforzando os servizos orientados a impulsar a empregabilidade da cidadanía, entre eles, a xestión das ofertas ou da formación para o emprego ou a orientación en materia laboral.

Programas de emprego
Na actualidade, o municipio está a desenvolver proxectos apoiados pola Xunta a prol de mellorar as oportunidades laborais da veciñanza de Ferrol. Entre eles sitúase o Programa Integrado de Emprego (PIE) que se desenvolve no municipio —cun apoio autonómico de 220.000 euros— dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas demandantes de emprego con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.

Ademais, o concello é beneficiario do obradoiro dual Lavadoiros de Ferrol, centrado en tarefas de albanelería. A través dunha achega da Xunta de preto de 206.000 euros, nel participan unha decena de persoas, que ademais de acceder a formación teórico-práctica que favorece a súa empregabilidade contribúen a mellorar os servizos da súa contorna.

Compromiso co emprendemento na comarca
Finalmente, aproveitouse o encontro tamén para dar conta do bo funcionamento do Polo de emprendemento de Ferrol, que leva atendido desde a súa posta en marcha de 540 proxectos, consolidándose como unha figura clave de dinamización de toda a comerca.

Ás persoas emprendedoras que se achegaron á oficina—o 63 % delas, mulleres— prestáronselles preto de 500 titorías e, por sectores, destacan os proxectos relativos a comercio (21%), seguido dos servizos (20%) e da hostalaría (13%). Canto ás actividades, téñense realizado preto dun cento entre reunións con entidades do territorio, formacións e eventos da Rede.

Deja un comentario