Friday 21 de February de 2025

A Xunta impulsa o polígono industrial de Espiñeira en  Boiro cun investimento de case  106.000 euros


— Estas axudas van dirixidas a mellorar as infraestruturas dos parques empresariais

— Estes apoios, en colaboración cos concellos, contribúen á captación de investimentos en Galicia e melloran a competitividade das empresas galegas

— A delegada informou de que xa está aberta a nova convocatoria de axudas por importe de tres millóns de euros

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou o polígono industrial Espiñeira en Boiro acompañada polo director territorial da Consellería de Economía e Industria. Isidoro Martínez. A representante do Goberno autonómico tamén estivo acompañada polos representantes dos empresarios deste parque empresarial para coñecer as actuacións realizadas, cun apoio da Xunta de case 106.000 euros en total, que permitiu a instalación dun sistema de seguridade grazas a unha axuda de máis de 46.000 euros e a mellora das súas infraestruturas viarias grazas a outra axuda de case 60.000 euros, que lles permitiu renovar un viario secundario do polígono de 680 metros, pavimentando as beirarrúas que quedaron sen executar en anteriores actuacións e saneando diversos tramos deteriorados. Este polígono ten unha extensión de máis de 300 mil metros cadrados e conta con 50 empresas.
A delegada da Xunta explicou que esta liña de axudas “contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia e para a mellorar a competitividade das nosas empresas”.

Belén do Campo lembrou que esta orde da axudas repartiu, o ano pasado, na comarca do Barbanza máis de 200.000 euros entre Noia, Boiro (2 axudas) e Rianxo, a provincia da Coruña contou con 1,8 millóns de euros para apoiar a 26 parques empresariais. Os polígonos industriais de Galicia contaron cun orzamento total de 3,5 millóns de euros.

Nova orde axudas
A delegada tamén informou que está aberta a nova convocatoria de axudas por importe de tres millóns de euros para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais galegos. Neste sentido, a representante da Xunta subliñou que “queremos seguir dando resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións para modernizalas e ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías e promover o emprego local”. A convocatoria manterase aberta ata o vindeiro 7 de marzo.

Os apoios son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

As axudas teñen unha intensidade do 80% ata un límite máximo de 120.000 euros nos caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25% da axuda concedida.

Deja un comentario