Friday 21 de February de 2025

O alcalde visita o centro de protección animal de Servigal en Abegondo


López Varela apelou á concienciación social e ás adopcións responsables das mascotas.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e os concelleiros responsables de Medio Ambiente, José Ramón Martínez, e de Protección Civil, Pablo Cambón, visitaron o centro de protección animal de Servigal na localidade de Montouto do municipio de Abegondo. A esas instalacións derívanse os cans abandonados que son recollidos no termo municipal da Laracha, onde reciben atención profesional e especializada para garantir o seu benestar mentres agardan por unha adopción.

Durante a visita os representantes municipais estiveron acompañados polo persoal de Servigal e puideron constatar a excelente atención recibida polas mascotas, xa que cada can conta con coidados veterinarios, alimentación axeitada, espazos de convivencia e condicións de hixiene óptimas.

Nos últimos dous anos foron un total de 48 animais os trasladados desde A Laracha ás instalacións de Servigal. 6 foron reclamados polos seus propietarios e outros 29 foron adoptados. No momento actual hai 9 cans chegados desde A Laracha, dos que o Concello asume os gastos de estancia, coidado e alimentación, incluíndo tamén o servizo de lacería e transporte na maioría dos casos. En total o gasto anual para as arcas municipais alcanza os 40.000 euros.

O alcalde destacou a importancia do servizo que presta Servigal ao Concello e a calidade das instalacións, que son un punto clave para o benestar animal, considerando que “é fundamental garantir que, a pesar de ter sido abandonadas, as mascotas poida atopar aquí un entorno seguro e ben coidado e atendido mentres agardan pola oportunidade dun novo fogar”. Tamén subliñou o custe económico para o Concello, que cualificou como necesario para cumprir coa competencias municipais nesa materia.

López Varela concluíu lembrando que a canceira de Servigal está aberta a todas as persoas interesadas en adoptar unha mascota, enviando unha mensaxe de concienciación social sobre a importancia das adopcións responsables e a necesidade de colaborar como comunidade para reducir o número de abandonos.

Desde Servigal explicaron as pautas a seguir durante o proceso de adopción das mascotas. En primeiro lugar débese acudir ás instalacións do centro de protección animal situado no lugar de Montouto do municipio de Abegondo no horario de atención ao público (luns a sábado de 9:00 a 14:00 e luns a venres de 16:00 a 18:00 h). Unha vez vistos os animais, no caso de que estea interesado nalgún deles informarase ao posible adoptante das súas características e conducta mostrada no centro. A continuación, deberán acudir en máis dunha ocasión para pasar tempo dentro das instalacións co animal para coñecelo. No momento no que se decida formalizar a adopción, a persoa interesada deberá presentar o seu DNI e asinar un contrato. Será despois dese trámite cando a mascota sairá das instalacións identificada co microchip, vacinada, esterilizada, desparasitada e bañada. Tamén se lles informará aos adoptantes sobre as axudas públicas para o fomento da adopción de animais domésticos e de compañía, achegando a documentación necesaria para solicitalas.

Deja un comentario