Este servizo complementa as oficinas permanentes de atención ao retorno situadas en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Muxía, Javier Sar, pola tenente de alcalde, Sandra Insua, e polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou en Muxía, a Oficina Móbil de Atención ás Persoas Emigrantes Retornadas. Este servizo continúa o seu labor como recurso innovador destinado a facilitar o retorno e a integración dos galegos que regresan a súa terra tras residir no estranxeiro. A oficina móbil ofrece atención personalizada e apoio para atender as necesidades específicas das persoas retornadas e das súas familias. “Retornar é un dereito pero somos conscientes de que non é fácil e que se precisa apoio despois de tomar esta decisión valente para poder integrarse e sentirse a gusto desde o primeiro día na que sempre foi a súa terra”, indicou Belén do Campo.
Esta unidade móbil percorreu 76 concellos das catro provincias, 23 dos cales pertenecen á provincia da Coruña, en menos dun ano, asesorando a centos de familias. Ao longo dos vindeiros meses, esta oficina itinerante percorre diversos concellos de Galicia, levando os seus servizos tanto ás áreas rurais como periurbanas. A súa mobilidade permite garantir que todas as persoas retornadas teñan acceso directo á información e ó asesoramento necesarios para un regreso exitoso, independentemente da súa localización xeográfica.
Entre os servizos que se ofrecen a través da Oficina Móbil atópanse o asesoramento sobre programas de apoio ao retorno, ofrecendo información actualizada sobre as diferentes axudas económicas e programas dispoñibles para facilitar a integración en Galicia. Tamén se brinda axuda nos trámites administrativos, prestando apoio na realización de xestións relacionadas coa sanidade, educación, Seguridade Social e outras cuestións importantes para a vida cotiá das persoas retornadas. Ademais, inclúese orientación laboral, proporcionando asesoramento para a busca de emprego en Galicia e guía sobre a validación de títulos acadados no estranxeiro. Por último, ofrecésece información sobre vivenda e educación, asistindo ás familias retornadas nas opcións de vivenda dispoñibles e nos recursos educativos para fillas e fillos.
Este servizo complementa as oficinas permanentes de atención ao retorno situadas en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. A mobilidade da oficina móbil asegura que ningún galego retornado quede sen acceso a estes servizos esenciais, fortalecendo o apoio da Xunta de Galicia á poboación retornada.
Neste senso, a delegada da Xunta reafirmou o compromiso da Xunta cos emigrantes galegos que se viron obrigados a buscarse a vida noutros lugares e axudaron “a construír a Galicia das oportunidades” e, ademais do “dereito” que teñen a regresar a súa terra, afirmou que súa volta é “fundamental para afrontar o reto demográfico”.
Axudas
A representante do Goberno galego, informou tamén na visita, que o pasado mércores, día 12, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria deste ano, dotada cun crédito inicial de 2,3 M€ —que se poderá reforzar segundo a demanda— e coa que se estima apoiar unhas 1.000 familias dirixida a emigrantes retornados.
Estas axudas extraordinarias ao retorno encádranse no paquete de medidas da Estratexia Galicia Retorna e son un recurso fundamental, xa que permiten cubrir necesidades iniciais como o establecemento de persoas e familias emigrantes retornadas que deciden fixar a súa residencia en Galicia, axudando á súa integración na comunidade.
Neste sentido, poden beneficiarse delas as persoas galegas retornadas nacidas en Galicia e os seus descendentes e os cónxuxes ou parellas de feito. Para iso, deben ter residido fóra de España un mínimo de dous anos antes do retorno e o retorno debe terse producido desde o 1 de xaneiro de 2023 en diante. A axuda máxima por unidade familiar é de 6.000 euros, e inclúen, ademais dos apoios de carácter xenérico, un específico para as familias con fillos menores de idade que se establezan en Galicia, cun importe de 1.000 euros por fillo ata o segundo fillo, e de 1.500 euros a partir do terceiro, cun incremento do 25 % no caso de que a familia resida nun concello rural. Tamén se inclúe unha axuda de 500 euros por unidade familiar destinada a facer fronte aos gastos derivados das primeiras xestións necesarias para garantir o acceso a unha vivenda.
O prazo de presentación de solicitudes abrirá o 20 de febreiro ata o 30 de setembro e as persoas interesadas poderán consultar os detalles da convocatoria na resolución que se publicou o pasado mércores no DOG.
Dentro do compromiso coas persoas galegas do exterior, a Xunta realizou na convocatoria do ano pasado a maior ampliación de fondos desde a posta en marcha desta liña de axudas, xa que se publicou cun crédito inicial de 2 M€ que se incrementou en decembro nun 67 % ata acadar o total de 3,5 M€. Deste xeito, cubriuse a elevada demanda que permitiu que máis galegos do exterior se poidan establecer en Galicia con apoio económico.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.