
Terá lugar o 16 de marzo sobre un percorrido de 12 km apto para todos os públicos. A participación é de balde, previa inscrición
Os Concellos de Boqueixón e Vedra organizan a andaina “8M. No camiño da igualdade”, unha iniciativa para conmemorar o Día da Muller e que este ano terá lugar o domingo 16 de marzo. A andaina, duns 12 quilómetros de lonxitude, desenvolverase entre a área de recreo de Agronovo (Vedra) e a carballeira de Sucira (Boqueixón).
Ademais do novo percorrido, a andaina “No camiño da igualdade” presenta unha novidade: será teatralizada. Deste xeito, dende os Concellos de Boqueixón e Vedra buscan que a andaina deste ano sexa máis sensibilizadora en materia de igualdade.
A participación é gratuíta, se ben o número de prazas é limitado. Por iso, as persoas interesadas en participar deberán anotarse antes do 12 de marzo a través dun formulario web dispoñible nas webs municipais de ambos os dous concellos ou por teléfono no 981 513 106 (Boqueixón) ou 669 041 486 (Vedra).
As persoas participantes na andaina concentraranse na área de recreo de Agronovo ás 9:30 horas do domingo 16 de marzo. Aló deixarán os seus vehículos e sairán cara a Carballeira de Sucira, percorrendo uns 12 quilómetros. A volta a Vedra farase en autobús e de balde. Ademais, terán dereito a un bocadillo e un agasallo conmemorativo do 8 de marzo.
Esta terceira edición da andaina “8M. No camiño da Igualdade” está financiada polo Ministerio de Igualdade, con cargo ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e polos concellos de Boqueixón e Vedra.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.