
· Organiza o II Certame de Relatos Cortos, aberto ás persoas maiores de 10 anos, con prazo de entrega ata o 10 de marzo.
O Concello promove, un ano máis, a escritura creativa entre a veciñanza. Faino por medio dunha nova edición do Certame de Relato Corto, cuxa temática central serán os relatos de historias reais ou de ficción que acontezan ou estean relacionadas con Paderne.
As persoas interesadas poderán participar en dúas categorías. Por unha banda, haberá unha xuvenil para mozos e mozas de 10 a 17 anos e, pola outra, haberá outra xeral para veciños e veciñas de 18 anos en adiante.
Os traballos deben ser orixinais, inéditos e non premiados, ademais de estar escritos en lingua galega e presentados en Word, DIN A4, formato narrativa ou poesía. A extensión máxima é de cinco páxinas, por unha soa cara, en letra Arial tamaño 12 e intercalado 1,5.
Un xurado de tres persoas elixido polo Concello de Paderne será o encargado de valorar a calidade da escritura, a técnica literario ou a orixinalidade como factores para determinar o mellor traballo de entre todos os presentados -xunto coa folla de inscrición- no Concello de Paderne ou na sede electrónica. A prazo para recibir candidaturas pecha o día 10 de marzo.
O sábado, 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, realizarase a entrega de premios. Na categoría xeral, o premio constará da publicación do relato nunha obra coa recompilación dos traballos presentados, un lote de 30 exemplares da mesma, unha cesta de produtos típicos da zona e un premio económico de 400 euros. No caso da categoría xuvenil, o galardón será a publicación do relato nunha obra coa recompilación dos traballos presentados, un lote de 30 exemplares da mesma, unha cesta de produtos típicos da zona e unha tablet.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.