Friday 21 de February de 2025

Inés Rey destaca o papel da Coruña como referente  tecnolóxico durante a inauguración dun novo estudio  na Cidade das TIC 


O Concello ten un orzamento próximo aos 850.000 euros para contribuír  este ano a mellorar a urbanización da antiga Fábrica de Armas 

A alcaldesa, Inés Rey, participou esta mañá na posta en  marcha do proxecto Coruña Estudio Inmersivo, un plató de 750 metros cadrados de produción  virtual con tecnoloxía de última xeración e 1.2000 metros cadrados de instalacións adicionais.  A rexedora acompañou ao ministro para la Transformación Digital y de la Función Pública,  Óscar López, na visita a este espazo situado na Cidade das TIC. 

“A Coruña é a capital do audiovisual galego, o que resulta totalmente lóxico tendo en conta  que somos unha cidade de vangarda e temos que ser, polo tanto, unha cidade creativa”,  sinalou Inés Rey durante a súa intervención. O plató pode ser aproveitado tanto polo sector  audiovisual como polo dos videoxogos, xa que permite gravar escenas ante unhas pantallas  led de alta resolución nas que se xeran fondos de máxima calidade e nitidez. 

Inés Rey destacou que A Coruña é o motor TIC de Galicia, permitindo que este sexa o sector  que máis postos de traballo está xerando na comunidade. A alcaldesa quixo poñer en valor o  traballo conxunto levado a cabo por todas as administracións no desenvolvemento da Cidade  das TIC, espazo para o que hai asignados nos orzamentos municipais do 2025 máis de  850.000 euros en investimentos. “Desde o Concello, xunto con outras institucións e  empresas, traballamos para avanzar como referencia fundamental no ámbito tecnolóxico co  obxectivo de atraer e reter talento”, apuntou. 

“A Coruña é unha urbe que motiva, que ofrece un modelo urbano e unha actividade diaria  que se complementa á perfección coa nosa aposta por reter e atraer talento, como o do  ámbito TIC”, dixo Rey. “Este estudio inmersivo de primerísimo nivel é un exemplo máis, que nos chama a seguir este camiño, no que A Coruña sempre aspirará a exercer como o que é,  unha cidade de vangarda”, engadiu a alcaldesa.

Deja un comentario