Saturday 22 de February de 2025

A biblioteca de Neda acolle dende a próxima semana a exposición temporal “Do mar e da terra”


A exposición itinerante “Do mar e da terra”, promovida pola Deputación da Coruña, recala a vindeira semana en Neda. A biblioteca municipal acollerá, a partir do martes 18 de febreiro, esta mostra, destinada a resaltar as potencialidades dos sectores mariñeiro e agrogandeiro como fontes de riqueza e saída de futuro da mocidade.

O proxecto, elaborado pola Área de sectores produtivos, Mar e Medio rural, inclúe diversos paneis divulgativos, orientados a poñer en valor o rural e os seus recursos como forma de combater o despoboamento e favorecer a igualdade de oportunidades no territorio.

O proxecto divulgativo recolle casos de éxito de emprendemento rural, incide en factores como a importancia da sostibilidade e pon o foco no decisivo papel da muller neste compromiso na procura de oportunidades para o futuro do rural. Ademais “Do mar e da terra” conta tamén con material didáctico interactivo adicional, libremente dispoñible para o seu uso nas escolas.

A exposición estará na biblioteca de Neda ata o 28 de febreiro, en horario de luns a xoves de 9a 13 e de 16 a 20 horas, e os venres en horario de mañá.

Deja un comentario