Saturday 22 de February de 2025

O Concello de San Sadurniño e o deporte local homenaxearán este sábado á surfista local Candela Pérez Dopico


Con tan só 10 anos, e malia ser dun concello do interior, Candela Pérez Dopico é unha grande promesa do surf. Máis que iso, Candela é xa toda unha campioa, despois de acadar en decembro a medalla de prata na do Campionato de Europa Sub10 desta disciplina. A deportista local recibirá este sábado a homenaxe do Concello e do deporte local entregándolle un pequeno agasallo xusto antes do comezo do partido de volei da SM2 que enfrontará ás 19:30h ao Aldebarán Intasa contra o Arona Playa de los Cristianos, equipo tinerfeño procedente do municipio onde Candela se alzou co subcampionato europeo.

Foi precisamente este detalle, o da visita do Arona, o que levou ao Concello a retrasar ata esta fin de semana a homenaxe á surfista polo seu éxito no europeo. “En vez de ofrecerlle un recibimento de pequeno formato na Casa do Concello, comentamos coa nai e o pai de Candela que sería boa idea facelo nun lugar máis grande, con máis público e rodeada de grandes deportistas, como son ambos equipos da SM2 a base do Aldebarán que acode aos partidos.”, explica Secundino García Casal.

O rexedor engade a este respecto que “sería fantástico que o pavillón se enchese para un encontro que vai ser moi intenso, pero sobre todo para que Candela sinta o cariño das súas veciñas e veciños e o recoñecemento que merece”.

Candela Pérez Dopico pertence á escola RSM Surf School de Pantín (Valdoviño), dirixida polo técnico Rubén Sanmartín, con quen culminou no mes de decembro unha temporada espectacular na que non só se fixo coa prata europea da súa categoría, senón tamén co bronce estatal e o campionato galego.

Xusto antes do encontro entre o Aldebarán Intasa e o Arona Playa de los Cristianos, que comezará ás 19:30h, Candela recibirá “un pequeno detalle” de mans do alcalde co que, comenta García Casal, “tamén queremos animala a que siga esforzándose e mellorando nun deporte no que é toda unha crack. É aínda moi noviña, ten un grande porvir”.

Deja un comentario