“Multiplicamos por tres o investimento dedicado a concentración parcelaria e pasamos dunha media de oito millóns anuais a 22 millóns en 2016”, di
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, unha achega de 22 millóns de euros en 2016, o maior investimento nos últimos sete anos, para impulsar a concentración parcelaria. “Seguimos avanzando e, aproveitando a mellora da situación económica, hoxe aprobamos que en 2016 se faga o maior investimento dos últimos sete anos para impulsar a concentración parcelaria: 22 millóns de euros. Multiplicamos por tres o investimento dedicado a concentración parcelaria e pasamos dunha media de oito millóns anuais a 22 millóns en 2016”, dixo.
Nun primeiro termo, Feijóo asegurou que con este investimento remataranse as 137 zonas activas e empezarase a traballar nas zonas prioritarias agro-grandeiras. “E os criterios de priorización –precisou- son as zonas con importancia hortícola, vinícola e forestal”.
Así mesmo, explicou que as 137 zonas supón actuar en preto de 120.000 hectáreas, en case un millón de parcelas e beneficiar a 100.000 propietarios.
Logo de precisar que dentro de catro anos estarán finalizadas administrativamente practicamente todas as concentracións parcelarias que se iniciaron en Galicia, o responsable do Goberno galego salientou que a orde de prioridade para decidir as actuacións será a seguinte: aquelas que favorezan o final de procesos de reestruturación parcelaria que estaban a piques da súa finalización definitiva; as que propicien o avance dos procesos de reestruturación que teñan unha incidencia económica importante; e os traballos previos ao decreto de utilidade pública de novas zonas de reestruturación parcelaria.
Feijóo lembrou que o proceso de concentración e ordenación da estrutura agrícola ten cinco obxectivos principais: “Mellorar a rendibilidade da actividade produtiva; facilitar que os predios abandonados ou que non formen parte de explotacións poidan mobilizarse para uso agrario; minimizar os efectos que poidan ter as grandes obras públicas ou explotacións de coutos mineiros; potenciar a conservación das zonas de maior interese ambiental; e reducir as emisións que se derivan dos longos desprazamentos polas explotacións dispersas”.