
Desde o BNG de Oleiros pedimos a Goberno do Estado e Concello que se poñan de acordo nesta cuestión de sentido común e non permitan o abandono do patrimonio colectivo
En resposta a unha pregunta do deputado do BNG, Néstor Rego o goberno do Estado nega calquera responsabilidade na restauración -urxentísima- do mural de Tono Correa Corredoira en Santa Cristina malia ser un encargo da Demarcación de Costas ao artista en 1992.Na súa resposta ao BNG o Estado descarga no Concello de Oleiros toda responsabilidade sobre a conservación deste emblema ao entender que o mural está ao mesmo nivel que o mobiliario público. No Pleno do Concello de Oleiros, cando preguntamos por esta cuestión, o Alcalde sinalou que o debe facer o Estado
Dende hai 32 ano o mosaico de teselas de vitrocerámica, chamado “27 arroaces e unha estrela”, acompaña ao Pobo de Oleiros no paseo da praia de Santa Cristina, pegadiño ao bravo Océano Atlántico, omnipresente en Oleiros. A devandita obra fora encargada pola demarcación de Costas de Galiza, estando dirixida daquela por Eduardo Toba, o mesmo que ideou o xardín de Hércules, o parque escultórico da Torre na veciña localidade da Coruña, obra na que tamén participou Correa coa súa coñecida “Rosa dos ventos”, homenaxe ao mundo celta.
32 anos despois xa case non lembramos a praia de Santa Cristina sen o mosaico, como se estiver alí dende vello. Achámonos nun ponto na actualidade no que xa cómpren accións directas para o axeitado mantemento e conservación do mural, vítima do tempo, as pintadas sobre as teselas, falta de mantemento do mosaico e incluso a invasiva presenza dun emisor de fecais que puido provocar a fenda existente no mesmo.
O patrimonio colectivo cando se deteriora ou mesmo desaparece sempre obedece a unha responsabilidade tamén colectiva, en Oleiros xa padecemos algún triste episodio desta índole, chamamos pois á implicación colectiva na defensa do noso patrimonio, por nós non vai ficar.
Desde o BNG seguimos a pedir, como fixemos desde o primeiro minuto, que as administracións se poñan de acordo por unha cuestión de sentido común, mais tamén de sensibilidade cun legado artístico de gran valor que xa é patrimonio común, así voltaremos levar este asunto ao pleno ordinario de febreiro.
As tarefas de reparación do mural de Correa non supoñen un grande investimento económico e aínda non é tarde para acometelas, mais canto máis se eternice a solución máis avanzará o seu deterioro. É tempo de actuar xa!. Non querer entender isto é irresponsabilizarse do seu coidado, pasar do patrimonio da cidadanía, non ter interese en que o noso se conserve para futuras xeracións.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.