Sunday 23 de February de 2025

Galicia presenta un total de 116 praias como candidatas a optar ao galardón Bandeira Azul 2025.


 

É a terceira comunidade autónoma que máis areais propuxo no marco da edición deste ano, con 41 na provincia da Coruña, 16 na de Lugo e 59 en Pontevedra

Marisol Díaz pon en valor o esforzo realizado polos concellos galegos para participar un ano máis neste programa de recoñecemento internacional e poñer a punto as súas costas para lucir o próximo verán o maior número de distintivos azuis

 

Galicia propón este ano un total de 116 praias —41 pertencentes á provincia da Coruña, 16 á de Lugo e 59 á de Pontevedra— como candidatas a optar ao galardón Bandeira Azul 2025.

Así o avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, tras participar en Madrid na reunión do xurado nacional encargado de conceder uns distintivos cos que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos, entre outros.

Acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, a directora xeral explicou que con 116 praias propostas, Galicia é a terceira comunidade que formalizou máis candidaturas este ano, só por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía, que presentaron 157 e 151 praias, respectivamente.

Neste sentido e aínda que haberá que agardar ata mediados do mes de maio para coñecer a listaxe definitiva de areais galardoados, Marisol Díaz amosou a súa confianza en que Galicia volva estar en 2025 ao fronte da clasificación nacional das bandeiras azuis, que son, dixo, un “reclamo innegable” para atraer visitantes, xa que permiten facer das costas un destino atractivo ao tempo que dinamizan a economía e o emprego en todos os sectores vencellados ao ocio e o turismo.

Por iso, aproveitou a súa intervención para poñer en valor o esforzo realizado polas administracións locais galegas para participar cada ano neste programa de recoñecemento internacional e poñer a punto as súas praias co obxectivo de poder lucir o maior número de distintivos azuis posible.

Nese sentido, a representante da Xunta desexou que todos os concellos galegos que este ano presentaron algunha candidatura se vexan recompensados cun distintivo para o 100% das súas praias, que deberán acreditar unha calidade das augas excelente, unhas boas condicións de seguridade, servizos e accesibilidade, así como unha atinada xestión medioambiental.

Cómpre lembrar que Galicia ocupa desde hai anos un dos primeiros postos da clasificación a nivel nacional en canto a número de distintivos azuis recibidos, con 189 na edición de 2024 entre praias, portos deportivos, centros de visitantes e rutas peonís, unha cifra que a converteu na segunda comunidade española con máis galardóns en todas as categorías.

De feito e tras darse a coñecer en xaneiro a relación de sendeiros azuis do ano 2025, a Comunidade galega consolídase como líder absoluto neste programa, con 54 rutas galardoadas que suman un total de 388,66 kilómetros e superan en 5 os itinerarios que foran recoñecidos con este premio o ano pasado.

Deja un comentario